Portugal celebra as eleccións presidenciais máis igualadas en décadas
A igualdade que impera nas sondaxes prognostica que todo se terá que decidir nunha segunda volta para decidir o sucesor de Rebelo de Sousa
As eleccións para dar a remuda ao actual presidente portugués Marcelo Rebelo de Sousa chegan o vindeiro domingo coa maior das incertezas en canto ao posible gañador.
As últimas sondaxes sitúan á cabeza o candidato de Chega. André Ventura dá por segura unha segunda volta:
"Imos ter unha segunda volta, iso parece máis ou menos inevitable nestes momentos, a non ser que ocorra algo inesperado", prognostica.
Tras Ventura, ata catro aspirantes se moven nun puñado de puntos. Luís Marques Mendes é o candidato apoiado polo Goberno. Antigo presidente do Partido Socialdemócrata, denuncia unha campaña protagonizada polas acusacións persoais:
"Á xente non lle gusta esta campaña. As insinuacións, rexoubas e sospeitas non veñen de min, eu falo do que lle importa á xente", afirma
Cunha dilatada traxectoria no Partido Socialista, co que foi ministro, António José Seguro preséntase como a esperanza da esquerda. Sitúa como prioridade a sanidade, unha das principais preocupacións dos portugueses.
"Non hai milagres, pero hai respostas inmediatas que se teñen que dar, e iso é responsabilidade dos gobernos", afirma.
Un almirante na reserva tamén tenta converterse en presidente. Henrique Gouveia e Melo, aspirante independente, é coñecido polo pobo luso despois de dirixir o plan de vacinación durante a pandemia.
Tamén tería opcións o liberal João Cotrim de Figueiredo, sobre quen nos últimos días pesa unha acusación por acoso sexual. Once millóns de portugueses están chamados a votar.
Que funcións ten o Presidente da República?
Os portugueses elixen o 18 de xaneiro o que será o seu presidente no próximos cinco anos, unha figura garante da democracia. A Constitución establece que o presidente representa a República Portuguesa, garante a independencia nacional, a unidade do Estado e o regular funcionamento das institucións democráticas, e é en virtude do seu cargo o comandante supremo das Forzas Armadas.
Algunhas das súas funcións son promulgar ou vetar leis, nomear o primeiro ministro, disolver o Parlamento, convocar eleccións, presidir o Consello Superior da Defensa, declarar a guerra en caso de agresión efectiva ou inminente (á proposta do Goberno), declarar o estado de sitio ou de emerxencia, nomear os embaixadores e garantir a unidade do Estado. O xefe de Estado ten un poder moderador e non ten funcións executivas directas.
Actúa como un árbitro entre o Goberno e a oposición, e espérase desta figura que se manteña neutral, como, tradicionalmente, os candidatos se esforzaron en defender.