Publicador de contidos

Publicador de contidos

Por onde non podemos pasar, por María Bastida

OPINIÓN

Por onde non podemos pasar, por María Bastida

María Bastida 14/01/2026 07:51

No debate sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico non todo é negociable. Hai liñas que, se se cruzan, condenan un territorio a perder capacidade de autogoberno. E, á vista do proposto, Galicia está moi preto dunha delas.

O Goberno presenta a súa proposta como unha mellora xeral do sistema. Bonito eufemismo para Galicia, que o que realmente atopa é unha redución encuberta da súa capacidade de financiar os servizos públicos que ten encomendados. Dos 21.000 millóns de euros adicionais anunciados, a Galicia correspóndelle un 2,7 %, cando representamos preto do 6,5 % da poboación española. Mesmo cun criterio estritamente demográfico, sen entrar en envellecemento, dispersión ou custo real dos servizos, recibiriamos menos da metade do que nos corresponde. Ese é o primeiro límite que non podemos aceptar: quedar estruturalmente infraponderados na repartición básica.

O segundo límite é aínda máis claro. Do diñeiro anunciado, unha parte xa estaba nas contas da Xunta, co que a cantidade real, 400 millóns, dista moito da anunciada polo Goberno. Isto significa que o novo modelo non permite nin sequera soster o nivel actual de servizos. En termos económicos, é unha perda de capacidade real de gasto. Galicia non pode aceptar un sistema que a condene a retroceder mesmo sen facer nada novo.

O terceiro límite é o deseño do propio modelo. Reducir o peso do envellecemento e da dispersión é penalizar directamente a Galicia. Prestar sanidade, educación ou dependencia nun territorio envellecido e disperso custa máis. Se eses custos deixan de ponderar, o sistema deixa de compensalos. Non podemos ser tratados coma se non tivésemos os sobrecustos que realmente temos.

E o cuarto límite é o máis estrutural, relacionado coa introdución disimulada do principio de ordinalidade. Que as comunidades que máis achegan sexan primadas na repartición converte a solidariedade nunha xerarquía de poder. O Estado autonómico non se construíu para comprar equilibrios que blinden apoios no Congreso, senón para garantir servizos equivalentes con independencia do territorio. Galicia non pode aceptar un modelo no que a redistribución quede subordinada ao peso político de cada comunidade.

Nada disto impide negociar. Pero si que marca con claridade por onde non se pode pasar. Un sistema que infrapondera a Galicia, que non cobre nin os seus custos básicos, que ignora a súa estrutura demográfica e introduce privilexios de facto para quen ten máis poder negociador non é unha reforma, é un retroceso. No Consello de Política Fiscal e Financeira non se trata de quen consegue máis nunha poxa política. Trátase de se Galicia seguirá tendo capacidade real para financiar o seu Estado do benestar. E aí, por unha vez, conviría que todas as forzas galegas tivesen claro o mesmo: estas liñas non se cruzan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade