O Goberno venezolano di que excarcerou 400 presos políticos desde 2024
Sinala que liberou 303 persoas desde decembro do 2025, 116 este mesmo luns
A oposición e os familiares dos presos cuestionan estas cifras e estiman que se produciron entre 56 e 76 excarceracións
REUTERS/Gaby Oraa
O presidente do Parlamento e xefe negociador do Goberno venezolano, o chavista Jorge Rodríguez, asegurou este martes que van máis de 400 excarceracións de presos políticos, mentres ONG negaron que se estea producindo un número importante de liberacións, ao sinalar que o proceso está marcado por dilacións.
Nunha sesión do Parlamento, transmitida pola canle de Youtube ANTV, Rodríguez afirmou que van máis de 400 persoas excarceradas e explicou que as primeiras liberacións tiveron lugar a finais de 2024, como un xesto -dixo- unilateral do Goberno da República Bolivariana de Venezuela.
Segundo as cifras proporcionadas por Rodríguez, o Goberno de Venezuela liberou 160 persoas en decembro de 2024, 99 en Nadal de 2025, 88 en Aninovo tamén de 2025 e 116 anunciadas este luns.
Iso supón que desde decembro de 2024 se excarceraron 463 presos e desde decembro de 2025 foron 303.
O deputado asegurou que as excarceracións continuarán como parte dun xesto unilateral do Goberno da súa irmá Delcy Rodríguez, quen asumiu como presidenta encargada tras a captura do mandatario Nicolás Maduro por parte de Estados Unidos.
A oposición e os familiares cuestionan estas cifras
Aínda que Rodríguez puxo ao dispor as listas, non se fixeron públicas, o cal deu pé a que ONG, activistas, familiares e partidos políticos puxesen en dúbida as cifras. A organización Foro Penal di que verificou 56 excarceracións, mentres que a coalición opositora Plataforma Unitaria Democrática fala de 76.
Pola súa banda, Provea, organización que se dedica á defensa dos dereitos humanos, afirmou que continúan as dilacións indebidas e os abusos autoritarios e que iso impide, indicou, a concreción das liberacións anunciadas desde o pasado xoves polo presidente do Parlamento.
Liberación inmediata e completa
Namentres, o Comité de Dereitos Humanos do partido Vente Venezuela (VV), liderado pola opositora e Nobel da Paz 2025 María Corina Machado, afirmou que o Goberno venezolano sempre mente e esixiu unha lista pública de excarcerados.
Denuncian que a liberación masiva de presos non se está levando a cabo nos termos anunciados e sinalan que a cifra de 116 excarcerados, difundida polo réxime o luns, non se corresponde coa realidade, xa que as organizacións de dereitos humanos só puideron verificar a de 56 persoas ata o de agora.
Vixilias dos familiares ante os centros penitenciarios
A non publicación de listas das persoas que serán liberadas fai que centos de familiares permanezan en vixilia acampados fronte aos centros de reclusión, "gastando o diñeiro que non teñen e poñendo a súa propia saúde en risco".
Ata cinco dólares pagan por un colchón para poder pasar a noite á intemperie, dez dólares por unhas horas nun cuarto con dereito a bañarse e entre 6 e 9 dólares por xantar nos arredores do cárcere El Rodeo, situado no norte o país.
Os familiares afirman que se manterán en vixilia ata que se produzan as liberacións. Segundo o Foro Penal, ata este domingo estímase que hai arredor de 800 presos políticos en Venezuela.