Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Se temos que elixir entre os EUA e Dinamarca, eliximos Dinamarca": Groenlandia pronúnciase sobre as intencións de Trump

"Se temos que elixir entre os EUA e Dinamarca, eliximos Dinamarca": Groenlandia pronúnciase sobre as intencións de Trump

A primeira ministra danesa e o presidente groenlandés reiteran que Groenlandia non está en venda 

As declaracións prodúcense horas antes dunha xuntanza de alto nivel nos Estados Unidos

Varios países europeos estudan aumentar a presenza da OTAN en Groenlandia mediante misións de vixilancia

Presidente de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, e primeira ministra danesa Mette Frederiksen. Liselotte Sabroe/Ritzau Scanpix/via REUTERS Presidente de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, e primeira ministra danesa Mette Frederiksen. Liselotte Sabroe/Ritzau Scanpix/via REUTERS
G24.gal 13/01/2026 21:51

A primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, e o presidente autonómico de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, escenificaron unidade antes da reunión prevista en Washington para abordar a tensión xerada polo interese dos Estados Unidos por facerse coa illa ártica.

Ambos insistiron en que Groenlandia non está en venda e en que o seu futuro corresponde decidir á poboación groenlandesa, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.

Nielsen asegurou que Groenlandia non quere que ninguén a posúa nin a controle. Engadiu que, se houbese que elixir entre Estados Unidos e Dinamarca, a elección sería Dinamarca. E subliñou que non é momento de discrepancias internas, senón de unidade.

O presidente groenlandés cualificou a situación de moi grave pola enorme presión existente sobre o territorio.

 

A primeira ministra Frederiksen coincidiu en cualificar de moi grave a situación. Ofreceu diálogo e colaboración, pero deixou claro que Groenlandia non está en venda e tachou de inaceptable a presión dos EUA.

Frederiksen afirmou que o conflito vai máis alá de Groenlandia e Dinamarca.

Indicou que está en xogo o respecto ás fronteiras, a imposibilidade de comprar pobos e a seguridade dos países pequenos fronte aos grandes.

A poucas horas da reunión na Casa Branca con Vance e Rubio

A comparecencia produciuse un día antes da viaxe a Washington do ministro de Asuntos Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, e da súa homóloga groenlandesa, Vivian Motzfeldt.

Ambos reuniranse na Casa Branca co secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio e o vicepresidente estadounidense, JD Vance.

A imaxe de unidade institucional chega ademais tras unha declaración conxunta dos cinco partidos con representación no Parlamento de Groenlandia.

No texto defenden o dereito dos groenlandeses a decidir o seu futuro conforme ao dereito internacional e ao Estatuto de Autonomía.

A formación Naleraq, segunda forza parlamentaria e única na oposición, criticou tanto a Dinamarca como o Goberno groenlandés.

Defendeu activar o proceso de independencia previsto no Estatuto de 2009, que inclúe negociacións con Copenhague e un referendo.

O seu líder acusou Dinamarca de provocar tensión na OTAN e asegurou que Groenlandia non quere formar parte de Dinamarca.

En paralelo, varios países europeos estudan aumentar a presenza da OTAN en Groenlandia mediante misións de vixilancia.

Alemaña precisou que non se fala do envío de tropas, senón de patrullas, recoñecemento e manobras.

O secretario xeral da OTAN evitou valorar o conflito e asegurou que non existen desencontros entre os aliados sobre a seguridade do Ártico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade