Venezuela libera outros tres presos españois
Segundo o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, dos tres novos liberados un permanecerá no país, outra cidadá regresará a España, e a terceira persoa "está a pensar se prefire quedar en Venezuela ou regresar a España"
Familiares de presos reclaman a súa liberdade ás portas do centro de detención El Helicoide, en Caracas (Reuters/Fausto Torrealba)
O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, anunciou este martes a liberación doutros tres cidadáns españois que se atopaban presos en cárceres de Venezuela.
En declaracións a Catalunya Ràdio, Albares indicou que estas "tres novas liberacións" tiveron lugar este luns e únense ao grupo de cinco presos españois liberados anteriormente e que "xa están en España".
Dos tres novos liberados, detallou o ministro, un "decidiu manterse en Venezuela", outra cidadá "sairá hoxe [este martes] mesmo" rumbo a España, mentres que a terceira persoa "está a pensar se prefire quedar en Venezuela ou regresar a España".
Trátase dun "paso moi positivo", afirmou Albares, que animou o Goberno venezolano a "seguir avanzando nesa liña" das liberacións.
Albares aplaudiu o labor "discreto" que realiza o expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, que "non actúa nin a nome nin a demanda do Goberno de España", senón "a solicitude da oposición" venezolana.