O Goberno condena o ataque israelí contra tropas españolas da ONU no Líbano
Exteriores insta a Israel a cumprir co acordo de cesamento do fogo e respectar as forzas de paz
REUTERS/Shir Torem
O Goberno condenou este martes os "continuos e inaceptables" ataques israelís contra a misión de paz da ONU no Líbano, a última das cales "ameazou a integridade" das tropas españolas, e pediu a Israel que respecte as forzas de paz.
O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación reaccionou así, a través dun comunicado, despois de que Israel disparase onte, luns, contra unha unidade de cascos azuis españois na zona do Jiam, situada ao sur do Líbano, sen que se produciron danos.
Tras remarcar a súa firme condena aos ataques, o Goberno insta a Israel a cumprir coas súas obrigacións en materia de dereito internacional e co acordo de cesamento do fogo alcanzado en novembro de 2024.
Tamén reitera o seu compromiso coa soberanía, integridade territorial e estabilidade do Líbano, así como co cumprimento íntegro da resolución 1701 do Consello de Seguridade, reafirmando o seu apoio ao mandato da FINUL, cuxo labor considera esencial para a consecución destes obxectivos.