A alcaldesa de Burela precisará o voto de José Tome para ser nova presidenta provincial
O Pleno da Deputación elixe este xoves quen vai substituír o alcalde de Monforte á fronte da institución provincial
Carmela López conta co apoio de PSdeG e BNG
A Deputación de Lugo prepara a remuda na presidencia provincial tras a renuncia de José Tomé, que mantén a súa acta de deputado. O seu apoio será imprescindible para que Carmela López poida recoller o bastón de mando. A alcaldesa de Burela conta cos votos de nacionalistas e socialistas, que buscan pasar páxina.
"O que poida resultar doloroso ou de encubrimento político non o imos facer nós. Nós seguimos avanzando e ás veces avanzar supón abrir novos camiños", xustifica o Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
Desde o BNG non ven problema en dar o seu apoio á candidata do Partido Socialista para seguir garantindo un goberno de esquerdas. E defenden a súa postura neste proceso.
"Nós dixemos que unha persoa sobre as que hai acusacións tan graves non podían seguir na Deputación de Lugo. Que tiña que dimitir dos seus cargos. O que imos garantir é que hai un goberno no que esa persoa non ten ningún tipo de responsabilidade", defende Ana Pontón.
O Partido Popular acusa os nacionalistas de actuar con hipocrisía e falan de falta de coherencia na defensa das vítimas.
"Con que cara van mirar as mulleres cando mañá van consumar un pacto no que van vicepresidir a Deputación de Lugo co voto dun presunto acosador sexual", pregúntase a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
No caso de que Carmela López non obtivera os 13 votos necesarios para a maioría, a presidencia sería para o candidato do PP por encabezar a lista máis votada.