Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón acusa a Rueda de "traizoar" os galegos e de "vender" Galicia

Pontón acusa a Rueda de "traizoar" os galegos e de "vender" Galicia

Acusou o presidente de pasar "a motoserra" na sanidade

Criticou a política "monolingüista" e o "centralismo"

Alfonso Rueda tirou de datos para responder as críticas da política sanitaria e afeoulles que "tendan a man" para un pacto polo galego se é, dixo, "como eles queren"

EFE
G24.gal 23/04/2025 18:51 Última actualización 23/04/2025 21:22

A líder do BNG, Ana Pontón, acusou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “traizoar” ao non cumprir os seus compromisos e ao aplicar unha “estratexia nefasta” que consiste en “vender” Galicia a empresas estranxeiras.

A dirixente do Bloque foi moi crítica co primeiro ano desta lexislatura e considerou que desde o Goberno galego unicamente se está conseguindo “espolio, destrución e contaminación” mentres se traballa para “defender o interese duns poucos”.

Considerou que Galicia está “peor” tras 16 anos de goberno do PP porque se están priorizando “os intereses duns poucos” por encima do resto da sociedade galega a pesar de que “ninguén, absolutamente ninguén, o elixiu para iso”.

“O resultado das urnas non é un cheque en branco para traizoar este país porque hai algo que nunca darán as urnas e é o dereito para gobernar en contra de Galicia, que é exactamente o que vostede está a facer. E iso é imperdoable”, sinalou Pontón.

Alfonso Rueda tirou de ironía para responderlle a Ana Pontón. Agradeceulle a lección de teoría política.

A dirixente do Bloque fixo especial fincapé no proxecto previsto pola empresa lusa Altri en Palas de Rei  e considerou que precisamente esta iniciativa empresarial é “o paradigma de como a Xunta goberna en contra de Galicia, desde a deslealdade máis absoluta”.

O presidente da Xunta afeoulle que estea en contra da mina de Doade, dixo Rueda, sen coñecelo. Preguntoulle tamén á voceira nacional do BNG se as empresas que en Galicia traballan con materias primas de fóra coma Stellantis ou as do naval terían que pechar.

"Motoserra na sanidade"

A líder nacionalista cargou contra as políticas da Xunta en campos tan relevantes como a sanidade ou os servizos sociais, que están “colapsados” e aos que desde do Goberno galego só lle destinan “promesas baleiras”.

Pontón fixo un repaso polos anuncios dos que agora “non se sabe nada”. Neste sentido, referiuse ao plan de recursos humanos no Sergas, á contratación de psicólogos ou ao novo modelo de Atención Primaria ou ao rexistro de familias monoparentais.

Todas estas cuestións, son promesas incumpridas a pesar de que Rueda no canto de “avergoñarse” opta por protagonizar actos “que son máis propios dun ególatra que dun servidor público”. “Xa vemos cales son as súas prioridades”, axuizou a dirixente do Bloque.

Rueda apuntou os últimos datos do Ministerio de Sanidade sobre as listas de espera. Dixo o presidente que Galicia mellorou dous postos na espera por cita.

Ana Pontón acusou a Alfonso Rueda de non crear prazas públicas de residencias. Dixo ademais que o servizo de axuda no fogar está "colapsado" e que os dependentes teñen que "esperar a que alguén morra para recibir a axuda".

Rueda respondeu con cifras.  Asegurou que desde 2009, multiplicaron "por cinco os dependentes atendidos" e "por tres as prazas nas residencias públicas". 

O presidente da Xunta cualificou de "disparate" a acusación de Pontón de que o servizo de axuda non fogar estivera "colapsado".

"Monolingüismo e centralismo"

Ao longo da súa intervención, Ana Pontón, cargou tamén contra a política “de monolingüismo en castelán” que busca a Xunta aínda que lle advertiu que non conseguirán o seu obxectivo porque “somos máis os galegos que sentimos orgullo pola nosa lingua”, motivo polo cal “o BNG segue coa man tendida” para chegar a un acordo para mellorar a situación do idioma, pero que debe pasar pola derrogación do coñecido como decreto do plurilingüismo.

Lamentou tamén o carácter “centralista” do presidente galego que actúa con “un servilismo a Madrid” que fai que Galicia necesita “300 anos para que se cumpra o Estatuto” aínda que o que necesita a comunidade é conseguir “un status de nación”.

O presidente da Xunta criticou a "política de man tendida" do BNG porque, só están de acordo se se fai "como din os nacionalistas. Pediulles respecto para os galegofalantes do PP.

Pontón abordou tamén o contexto internacional e prafraseou o falecido papa Francisco ao remarcar que “a guerra sempre deixa un mundo peor” polo que o Bloque “sempre está á beira da paz”. “Síntome orgullosa de que o BNG se sitúe no lado correcto da historia”, dixo a líder da oposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade