Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontevedra e Celta Fortuna asinan as táboas no derbi (1-1)

Pontevedra e Celta Fortuna asinan as táboas no derbi (1-1)

Os goles de Facu Ballardo e Óscar Marcos decidiron o partido na primeira metade

Foto: @PontevedraCFSAD Foto: @PontevedraCFSAD
G24.gal 25/04/2026 21:07

Derbi intenso e igualado en Pasarón. O Pontevedra e o Celta Fortuna empataron a un logo de noventa minutos de moito esforzo físico. Poucas ocasións nun choque moi táctico.

O Pontevedra presionou ben arriba durante o primeiro tempo. E tivo fases con presenza na área celeste. Intuíase o perigo a balón parado e á media hora de xogo chegou o un a cero. Córner botado por Yelko Pino, remate de Miki Bosch e gol de Facu Ballardo tralo despexe de Coke Carrillo. Revisouse a acción por un posible fóra de xogo de Álex Compa. Cuestión de interpretación se o dianteiro granate influía ou non na intervención do gardameta visitante.

Logo do tanto o Pontevedra parecía ter controlada a situación, pero un erro de Miki Bosch tras unha boa presión de Somuah provocou o gol do empate no engadido antes do lecer. A definición de Óscar Marcos foi exquisita. Un pase a rede que puxo punto e final a un primeiro tempo de dominio granate.

O Celta Fortuna deu un paso adiante na reanudación, pero sen crear demasiado perigo. Houbo que agardar á recta final para ver un par de oportunidades, unha por bando. Angelito probou a Marqueta desde o borde da área. E Diego Gómez non disparou ben en inmellorable poción tras asistencia de Resende. Foi a última dun encontro de moito desgaste.

O Pontevedra vai seguir na pelexa por xogar o playoff. O Celta Fortuna continúa firme na segunda praza da clasificación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade