Polo menos seis mortos e un millón de fogares sen luz por unha gran treboada nos EUA
O país vive o peor día de cancelacións nos aeroportos desde a pandemia, con máis de 11.000 voos suspendidos e 17.000 atrasados
A neve e o xeo obrigan a pechar carrís en 17 estados para permitir o paso das quitaneves
Bryan Smith/ZUMA Press Wire/ dpa
Unha gran tormenta de xeo e neve que afectou a dous terzos da xeografía estadounidense provocou polo menos seis mortos nos EUA e deixou sen luz máis dun millón de fogares.
As vítimas rexistráronse en Texas, Louisiana e Nova York por hipotermia. Ademais, as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a cancelar 11.000 voos e causaron 17.000 atrasos nos aeroportos. Foi o peor día nas terminais desde a pandemia.
A neve e o xeo causan estragos no sur do país
Xornada tráxica nos EUA por mor dun temporal de neve que ocasionou a morte de polo menos seis persoas: unha en Texas, dúas en Louisiana e tres en Nova York, todas por hipotermia, segundo The Washington Post.
Os tres falecidos en Nova York parecían ser indixentes e foron atopados á intemperie, segundo informaron as autoridades locais.
Segundo a web especializada poweroutage.us as malas condcións meterolóxicas provocaron máis dun millón de cortes na subministración eléctrica, sobre todo no sur dos Estados Unidos. O estado máis afectado foi Tennessee, onde máis de 300.000 clientes, aproximadamente o 9 % do Estado, seguían sen subministración eléctrica o domingo pola noite.
O peor día de cancelacións de voos desde a pandemia
Ademais, a gran tormenta provocou o peor día de cancelacións de voos desde a pandemia da COVID-19 en 2020, con máis de 11.000 cancelacións e 17.000 atrasos. Segundo o secretario de Transporte dos EUA, este luns haberá unhas 2.600 cancelacións de voos máis.
"Esperamos que mellore, pero non hai capacidade nas aeroliñas para recolocar todas estas persoas", asegura, "e nos lugares onde temos xeo, resulta máis difícil volver ser plenamente funcionais con rapidez".
Tamén hai problemas nas estradas de todo o país, especialmente en Nova Jersey, Pensilvania e Connecticut. "Temos 17 Estados ao longo desta franxa da tormenta que pecharon carrís para poder pasar as quitaneves e botar sal e moitos destes Estados reduciron os límites de velocidade nas nosas estradas", explicou Duffy.
Protocolos de emerxencia
Á súa vez, a secretaria de Seguridade Nacional Kristi Noem pediu á poboación dos máis de 20 Estados que activaron protocolos de emerxencia que eviten saír da casa. Asegura que o Goberno Federal está a cooperar cos Estados e as compañías eléctricas para axilizar as reparacións da rede eléctrica.
O alcalde de Nova York Zohran Mamdani anunciou que este luns non haberá clases presenciais. "Será un día de clases a distancia para as escolas da cidade de Nova York co fin de garantir a seguridade de todos ante as condicións climáticas adversas".