Polo menos seis mortos e 40 feridos no ataque israelí contra un hospital en Gaza
Seis mortos e 40 feridos tras un ataque contra o Hospital Europeo, segundo o Ministerio de Sanidade gazatí
O exército asegura que o obxectivo era un centro de mando de HAMAS baixo o hospital

Polo menos seis persoas morreron e outras corenta resultaron feridas este martes nun bombardeo israelí contra o Hospital Europeo, no sur da Franxa de Gaza. Así o confirmou o Ministerio de Sanidade do enclave, controlado por HAMAS.
Os ataques afectaron a entrada do servizo de urxencias e o patio de mantemento do centro médico.
Os cadáveres das vítimas foron trasladados ao hospital de Nasser, próximo á zona, onde tamén morreron dúas persoas esta madrugada, entre elas o xornalista palestino Hassan Aslih, segundo as autoridades sanitarias locais.
Israel xustifica o ataque
O Exército israelí confirmou o ataque contra o Hospital Europeo, mais afirmou que tiña como obxectivo supostos operativos de HAMAS refuxiados nun centro de mando subterráneo baixo o edificio.
Nun comunicado, asegurou que a organización islamista utiliza instalacións médicas para fins militares e que iso demostra o seu "uso cínico e brutal" da poboación civil.
A prensa israelí indicou que o verdadeiro obxectivo da ofensiva podería ser Mohamed Sinwar, irmán menor de Yahya Sinwar, antigo líder de HAMAS e suposto artífice dos ataques do 7 de outubro de 2023. Israel anunciou a súa morte o ano pasado en Rafah.
Sistema sanitario ao bordo do colapso
O Ministerio de Sanidade de Gaza advertiu que a maioría dos hospitais están inoperativos por mor dos bombardeos e que os poucos que seguen abertos carecen de recursos médicos debido ao bloqueo israelí, que impide a entrada de medicamentos e material sanitario.
Ao tempo que o Exército atacaba o hospital, outra ofensiva aérea israelí impactou contra unha vivenda da familia Al Afghani. Segundo informou Mahmoud Bassal, portavoz da Defensa Civil Palestina, os equipos de rescate recuperaron dez corpos. Durante a operación, producíuse un novo ataque na mesma zona, no que dous membros da brigada de salvamento resultaron feridos.
Dende o inicio da ofensiva de Israel contra Gaza, en outubro de 2023, as autoridades sanitarias do enclave contabilizan polo menos 52.908 mortos. Deles, 7.680 faleceron tras a ruptura do alto o fogo o pasado 18 de marzo.