Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polémica na véspera do 25N pola campaña da Xunta contra a violencia machista

Polémica na véspera do 25N pola campaña da Xunta contra a violencia machista

Os nacionalistas solicitan a retirada inmediata da campaña

"Intolerable que este lixo se pague con diñeiro público", lamenta a socialista Silvia Fraga

Alfonso Rueda atribuíu estas reaccións a un intento de "desviar a atención" da polémica xurdida ao redor da lei do "só si é si"

G24.gal 24/11/2022 20:39

Mes e medio despois da entrada en circulación da campaña publicitaria da Xunta contra a violencia de xénero, na véspera do 25N, o día internacional para a erradicación desta secuela, desatouse un fogo cruzado de declaracións entre quen ve machista a campaña e os que o negan.

"Non debería pasar, pero pasa"

A imaxe que xerou a controversia é a dunha muller que sae a correr en roupa deportiva, unha imaxe á tardiña que vai acompañada polo texto: "Vístese coas mallas de deporte, vai correr pola noite. Que pasa agora? Non debería pasar, pero pasa".

Imaxe da campaña contra a violencia machista que xerou polémica. Imaxe da campaña contra a violencia machista que xerou polémica.

O mércores a Xunta, na súa conta oficial de Twitter, colgou este cartel e unha das primeiras en reaccionar foi a secretaria de Estado de Igualdade, a pontevedresa Ángela Rodríguez, que na mesma rede escribiu que "viola o violador, ese é o único comportamento para sinalar e cambiar".

Os nacionalistas solicitan a retirada inmediata

O BNG esixiu directamente nesta xornada “a retirada inmediata” desta acción promocional de concienciación ao entender que “responsabiliza as mulleres”.

Os nacionalistas denunciaron que a Xunta volve equivocarse coa súa formulación ao colocar “sobre elas a culpa de non poñer os medios suficientes ou de non ter un comportamento correcto para evitar ser obxecto das agresións machistas e da violencia de xénero”.

“Preocúpanos que o Goberno do PP lance unha campaña que culpabiliza e responsabiliza as mulleres mesmo usando os argumentos de quen pretende xustificar o machismo ou atopar algunha xustificación ás agresións machistas”, denunciou a viceportavoz parlamentaria do Bloque Olalla Rodil en declaracións remitidas á prensa.

Outra dos carteis da campaña contra a violencia machista da Xunta de Galicia. Outra dos carteis da campaña contra a violencia machista da Xunta de Galicia.

"Intolerable que este lixo se pague con diñeiro público"

A secretaria de Igualdade do PSdeG Silvia Fraga cualificou en Twitter de "vergoñenta" a campaña: "Lanzándonos ás mulleres a mensaxe de que para que non nos agridan teremos que saír a correr tapadas, igual con burka, non sei... Ou directamente din que non deben saír a correr", ironiza.

"Intolerable que este lixo se pague con diñeiro público", lamenta.

Rueda di que é un retrato de situacións cotiás que sofren as mulleres

O presidente galego Alfonso Rueda atribuíu estas reaccións a un intento de "desviar a atención" por parte do Executivo central, e en concreto o Ministerio de Igualdade, da polémica xurdida ao redor da lei denominada do "só si é si".

Para Rueda resulta "curioso" que "a maior controversia" sobre esta campaña xurdise do Goberno central e, en particular, dos "ministerios que foron duramente criticados, con moita razón, por facer unha lei que está a ter unhas consecuencias de excarceración de delincuentes sexuais con delitos moi graves".

Segundo apuntou, a campaña "tenta plasmar situacións cotiás nas que as mulleres poden sufrir as consecuencias do machismo", porque "unha muller non debería pasar medo pola rúa ou nunha discoteca, pero en ocasións pode pasalo e non podemos asumir que iso é normal".

A campaña tivo un custo de 300.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade