Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pode darse en Galicia un sismo coma o de Turquía e Siria?

Pode darse en Galicia un sismo coma o de Turquía e Siria?

Os expertos inciden nas condicións construtivas dos edificios, que poden multiplicar os danos en caso de sismo

En España hai zonas mellor preparadas ca outras

Paula Álvarez 09/02/2023 11:48

As imaxes desoladoras que nos chegan dende Turquía e Siria, con innumerables edificios derruídos e milleiros de mortos, lévannos a reflexionar sobre a posibilidade de que puidese rexistrarse un sismo de características similares en Galicia.

Podemos vivir aquí unha situación semellante?

A resposta é non. Pero cómpre explicalo. 

Os expertos inciden nas condicións construtivas dos edificios. Isto é, a forma en que está construída unha vivenda pode multiplicar os danos en caso de sismo.

Segundo explica o catedrático emérito da Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Juan Pérez Valcárcel, en Turquía "moitas das casas seguramente non teñan construción antisísmica e non teñan os mecanismos axeitados para resistir este tipo de terremoto".

Normativa antisismos

No caso de España, o país conta cunha normativa de construción sismorresistente desde 2002 que permite minimizar os danos no caso de que se produza un terremoto. 

O catedrático en Estruturas Salvador Ivorra da Universidade de Alicante, explica que "se a normativa se cumpre adecuadamente, todas as construcións posteriores a esa data estarían moi ben dimensionadas". 

Pero, que ocorre coas que están construídas de antes do 2002?

Segundo conta Ivorra, resulta difícil ofrecer unha resposta clara, pero destaca que na maioría de casos poderían actualizarse os edificios para loitar contra un sismo.

Se ben é certo que depende de cada construción, case todas elas poden optar por reforzos de aceiro, con fibras de carbono ou de vidro, que axudarían a diminuír os danos materiais ante unha desas situacións.

Varía por zonas

Tendo en conta a tipoloxía construtiva dos edificios, na península hai zonas que están mellor preparadas ca outras, pero partindo dunha explicación lóxica. Galicia, por exemplo, non está considerada unha zona sísmica e o risco é moi baixo.

 

 

 

Por outra banda, en lugares como gran parte de Andalucía, onde o movemento do magma provoca pequenos sismos, as vivendas están pensadas e construídas para soportar, en principio, estes fenómenos naturais.

En definitiva, en Galicia non é probable vivir un sismo coma o de Turquía e Siria.

Polas propias circunstancias construtivas dos edificios, pensados para loitar contra estes fenómenos, e tamén porque a nosa comunidade se considera unha zona sísmica. Se ben é certo que podemos sufrir terremotos, non chegarán a ser desa magnitude. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade