O PNV apoiará o decreto coa maioría de medidas de vivenda e votará non ao de alugueiros
Co non do PNV ao decreto dos alugueiros ponse xa moi difícil a súa aprobación, salvo sorpresa de última hora
Junts e Coalición Canaria convocan unha executiva este mesmo xoves para decidir o seu voto
Maitane Ipiñazar , do PNV (Europa Press)
O PNV anunciou este xoves que dará o seu apoio "crítico" ao decreto de vivenda que recolle a maioría de medidas porque "protexe as persoas vulnerables" e "mellora a situación dos pequenos propietarios", pero rexeitará o segundo decreto coa renovación automática dos alugueiros.
Nun comunicado, a formación vasca explicou que considera o texto un "parche puntual con moitas carencias" e mantén serias reservas respecto ao impacto "real" da norma, á vez que censura ao Goberno por lexislar "en quente".
Co non do PNV ao decreto dos alugueiros ponse xa moi difícil a súa aprobación, salvo sorpresa de última hora.
O partido considera que validar este segundo decreto sería "contraproducente para o obxectivo que di buscar", así como que esta proposta é un "ataque" ao pequeno propietario e retraería a oferta da vivenda de alugueiro no mercado.
Pola contra, darán o seu apoio ao decreto que recolle a maioría das medidas porque "favorece as persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade".
Consideran ademais que se introducen melloras para o pequeno propietario, "que é de quen depende, en gran medida, o mercado do alugueiro".
No entanto, criticaron que o Executivo progresista "non pode pretender solucionar en dous días o que non resolveu en oito anos" e aseguraron que seguirán traballando "para mellorar a definición dos fondos voitre ou das persoas xurídicas" que deben ter "limitada" a súa actividade e as compensacións sobre os propietarios de dous ou menos vivendas en caso de falta de pagamentos de renda.
O PNV ten claro, dixeron, que hai que "acabar cos abusos e protexer as persoas vulnerables, pero sen converter o pequeno propietario no inimigo", e insistiron en que son necesarias medidas integrais que non afecten só a quen nestes momentos teñen un alugueiro, senón que beneficien os que queren acceder ao mercado e non poden.
Xuntanzas de Junts e Coalición Canaria
Junts per Catalunya convocou este xoves pola noite unha reunión de urxencia da súa dirección executiva para decidir o sentido do voto aos dous decretos de vivenda que se debaterán mañá no Congreso.
Segundo informaron a EFE fontes da dirección, o secretario xeral de Junts, convocou a reunión ás 21:00 horas e celebrarase de xeito telemático.
A portavoz no Congreso de Junts, Miriam Nogueras, asegurou onte que a súa formación está "decepcionada e preocupada" polos dous decretos, aprobados polo Consello de Ministros por mor do caso Maricarmen e a mobilización social que desencadeou, pero evitou adiantar se os validarán.
Coalición Canaria tamén se reunirá esta tarde para decidir se validan os decretos de vivenda.