O Parlamento reforma o regulamento para permitir a delegación do voto por enfermidade
A medida, aprobada por unanimidade, entrará en vigor no actual período de sesións, que remata a mediados de xullo
O conselleiro de Educación comparece á petición propia para falar do modelo galego de I+G+I
Arquivo
O pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade, con 71 votos a favor, unha reforma do seu Regulamento para permitir a delegación do voto por enfermidade grave ou hospitalización, un cambio que entrará en vigor neste período de sesións, que termina a mediados de xullo.
Ata o de agora só tiñan dereito a el por causas de embarazo, maternidade, paternidade ou adopción. Moi pronto, os deputados e deputadas poderán recorrer ao voto delegado "nos casos de hospitalización, incapacidade temporal ou diagnóstico e tratamento activo de enfermidade grave que, por impedir o desenvolvemento da función parlamentaria e unha vez avaliadas as especiais circunstancias, considérense bastante xustificados".
A reforma inclúe que as preguntas orais non decaian ao terminar os períodos de sesións, o que aforrará aos grupos o ter que volver rexistralas ao pararse a actividade parlamentaria durante as vacacións de verán ou de Nadal.
A medida foi apoiada por todos os partidos. Con todo, BNG e PSdeG lamentaron que non se aproveitase para realizar unha Reforma do Regulamento do Parlamento de maior calado.
O portavoz do PPdeGalicia no Parlamento, Alberto Pazos, admite que hai ámbitos que "poderían ser modernizados" do funcionamento do Parlamento, pero considera que hai "outras fórmulas" para alcanzar estes fins e di que o seu grupo está disposto a "exploralas".
O único deputado do grupo mixto, Armando Ojea (Democracia Ourensá), tamén apoiou tanto a tramitación por vía de urxencia como o contido da reforma aprobada.
Román Rodríguez e a I+G+I
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional Román Rodríguez reivindica o modelo galego de desenvolvemento sustentado na innovación, a dixitalización e o talento. Un modelo que, segundo afirma, é exemplo da mellor Galicia Calidade a través da nosa I+G+I.
Unha cuestión que abordará previsiblemente na Cámara galega nunha comparecencia á petición propia que terá lugar este martes pola mañá. A sesion arrinca ás 10:00. Podes seguila en G24.gal.