Planas felicítase porque a frota galega poida en 2025 volver pescar bacallau en augas de Terra Nova
Planas felicítase porque a frota galega poida en 2025 volver pescar bacallau en augas de Terra Nova
Será posible logo de 32 anos de moratoria e logo de confirmarse o proceso de recuperación na zona
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, celebrou este mércores no Congreso que a frota galega volva o próximo ano a poder pescar bacallau nas augas internacionais de Terra Nova, próximas ao Canadá.
Foi en setembro deste ano cando se acordou na 46ª reunión anual da Organización de Pesqueiras do Atlántico Norte (NAFO) que a frota española aumente as súas posibilidades de captura de bacallau en augas de Terra Nova para o 2025, autorizando a pesca de bacallau na división 3L, que se corresponde coa porción norte en augas internacionais dos Grandes Bancos de Terra Nova, tras 32 anos de moratoria e confirmarse o seu proceso de recuperación.
E hoxe, Planas fixo fincapé nesa "excelente noticia, en particular para a frota galega", durante a sesión de control ao Goberno.
"Hai 32 anos que a frota galega non está presente nas augas internacionais de Terra Nova e por primeira vez no ano 2025 poderase pescar bacallau nas augas de Terra nova, porque poderá volver a frota galega en particular", recalcou.
Ademais, asegurou que vai facer "todo o posible e imposible" para defender os intereses da frota española, ante a pregunta do deputado do BNG Néstor Rego de se o Goberno está disposto a vetar calquera decisión comunitaria que implique a redución das cotas de pesca para a frota galega.