Piden que se tomen medidas contra a multirreincidencia dos narcotraficantes
"A porcentaxe de reincidencia é do 19 % en termos xerais, no caso de narcotráfico é do 42 %", advirte Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico
Cada vez, en Galicia, hai un maior rexeitamento social contra o narcotráfico
A operación contra o narcotráfico que se desenvolveu a semana pasada na comarca do Salnés detiveron, entre outros, dous vellos coñecidos das forzas de seguridade. E isto ocorre con frecuencia, a porcentaxe de reincidencia por estes delitos é moi elevada.
"A porcentaxe de reincidencia é do 19 % en termos xerais, no caso de narcotráfico é do 42 %. Isto é máis que ilustrativo do problema que temos co narcotráfico. Os altísimos índices de reincidencia, que fan que unha e outra vez os mesmos estean facendo o mesmo", advirte Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Para evitalo, piden unha resposta máis áxil e disuasoria, medidas contundentes coma estas:
"Introducir unha agravante no Código Penal por reincidencia, ser máis ríxidos na concesión de permisos penitenciarios e outra das solucións é que se poidan facer xuízos rápidos".
Outro dos problemas que salientan é o aumento da violencia entre os narcotraficantes.
"Nas intervencións contra o narcotráfico, antes en nove de cada dez ocasións non había armas. Agora é o revés, en nove de cada dez ocasións hai armas. Iso significa incremento de violencia xa non soamente entre as propias organizacións, entre eles, senón tamén xa está saltando ás forzas de seguridade".
Como dato positivo, din que nos últimos anos en Galicia hai un maior rexeitamento social contra o narcotráfico.