Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden 13 anos de prisión para os sete acusados polo narcosubmarino de Aldán

Piden 13 anos de prisión para os sete acusados polo narcosubmarino de Aldán

Ademais da pena de prisión por delito contra a saúde pública, a Fiscalía pide o pago de dúas multas de 300 millóns de euros a aboar entre todos

Os procesados serán xulgados na Audiencia de Pontevedra entre os días 13 e 17 de decembro

G24.gal 04/11/2021 17:50

A Fiscalía pide penas de 13 anos e medio de cárcere para cada un dos sete acusados por un delito contra a saúde pública, vinculados ao cargamento de máis de 3 toneladas de cocaína que foron transportadas nun narcosubmarino que se afundiu na ría de Aldán, en Cangas, en novembro de 2019.

Segundo trasladaron a Europa Press fontes coñecedoras do procedemento, o ministerio público acusa os 7 implicados dun delito contra a saúde pública agravado por tratarse dunha cantidade de notoria importancia e que causa grave dano á saúde, polo uso dunha embarcación e por cometerse no seo dunha organización internacional.

Por estes feitos, pide que cada un dos acusados sexa condenado a 13 anos e 6 meses de cárcere, e ao pago de dúas multas de 300 millóns de euros. Os procesados serán xulgados na Audiencia de Pontevedra entre os días 13 e 17 de decembro.

Operación contra o narcosubmarino

A Garda Civil, Policía Nacional e Axencia Tributaria puxeron en marcha o 21 de novembro de 2019 un operativo de vixilancia tras recibir unha alerta do Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico, con sede en Lisboa, sobre a presenza dun semisomerxible navegando polo Atlántico en dirección ás costas galegas.

Segundo os investigadores, a intención dos tres tripulantes do narcosubmarino era trasladar a droga a outra embarcación que a levaría a terra, pero o mal tempo, unido ao feito de que se viron sorprendidos polo operativo policial, obrigou os seus ocupantes a afundir a nave á entrada da ría de Aldán e tratar de fuxir.

Nese momento foron detidos dous dos tripulantes, de nacionalidade ecuatoriana (os únicos estranxeiros) e, días despois, o terceiro tripulante. Posteriormente, as investigacións levaron á detención doutras catro persoas supostamente vinculadas con este alixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade