Persecución de película en Silleda: un incidente de tráfico acaba en pelexa
O golpe sen mala fe entre un camión e un turismo acaba con parte de lesións e denuncias cruzadas entre o camioneiro e o marido da afectada
A condutora perseguiu o vehículo pesado durante varios quilómetros ata que conseguiu detelo coa axuda do marido, que ía noutro coche
Todo empezou aparentemente sen mala fe, pero evolucionou tirando a mal. Un camión golpeou o coche dunha muller mentres estaba estacionada. Viña de coller a nena do colexio e sorte que xa estaban dentro.
O camioneiro seguiu o camiño e a muller arrancou detrás. Empezou suave, facéndolle luces, pero en vista do pouco éxito, acelerou os sinais e adiantouno para obrigalo a reducir a velocidade. Non o conseguiu.
O vehículo pesado volveuna adiantar, segundo ela destacou na denuncia na Garda Civil, en liña continua e antes dunha curva.
A persecución tensouse e a muller pediulle axuda ao marido, que traballa nesa mesma estrada, a que vai de Silleda a Ourense, e que se incorporou ao seguimento.
Entre os dous conseguiron que o camión se botara á dereita antes de entrar nunha ponte e daquela houbo un xiro de guión: o que era un simple incidente de tráfico pasou a tirapuxa e o camioneiro e o marido da afectada chegaron ás mans.
Fóra de cámara, por orde do seu avogado, o home conta que o camioneiro, de constitución forte, botouse contra el con intención de agredilo, pero que acabou mancado.
Ambas partes acabaron no centro de saúde, con parte de lesións do camioneiro e crise de ansiedade da muller; e despois, no cuartel, con denuncias cruzadas dun para o outro.
A investigación determinará quen pegou primeiro e con peor intención.