Permanece hospitalizado o policía local de Ourense queimado por unha bengala
Foi no transcurso dunha celebración improvisada na rúa tras o ascenso de categoría da U. D. Ourense
Sucedeu na praza de Concepción Arenal de Ourense no transcurso da festa improvisada en que ducias de persoas celebraban o ascenso da Unión Deportiva Ourense á terceira división.
Foi onte, contra as seis e vinte da tarde. Un dos participantes lanzou unha bengala e impactou no pescozo dun policía local de servizo. Na investigación sospeitan que o artificio foi botado con intención.
"As bengalas non están permitidas na vía pública e as bengalas soas non caen, tíranse. Pódense lanzar no mar, nun río onde non haxa ninguén ou contra as persoas. Botada contra unha persoa que, neste caso, é un axente de seguridade no exercicio das súas funcións que estaba a colaborar co dispositivo de tráfico e resulta que quedou lesionada. Hai unha investigación en curso e o presunto autor foi detido preventivamente e posto a disposición xudicial", manifesta o inspector de Policía Local de Ourense, Máximo Cid.
O policía ferido permanece hospitalizado en Unidade hospitalaria de Queimados en Vigo.
"A súa vida non corre perigo, pero si que son unhas queimaduras de terceiro grao considerables e hai que agardar a evolución", di o inspector Cid.
Incide o inspector da Policía Local ourensá no feito de que a bengala é un artificio prohibido en determinadas circunstancias e que no suceso de onte non só non debeu ser lanzada, senón que tampouco tiña por que levala o seu posuidor na vía pública.