Percorren 500 quilómetros buscando doantes de medula ósea
Cando comezou este proxecto en 2009, había 60.000 rexistros en España e hoxe superan os 460.000
Despois de percorrer Galicia, un grupo de voluntarios da Asociación Frangil contra a leucemia, pon fin a un percorrido polos hospitais galegos nos que buscar novos doantesde medula ósea.
Na súa chegada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo houbo moitas emocións.
Malia os quilómetros percorridos, a mensaxe chega coa mesma forza.
"A intención é sensibilizar a poboación galega da necesidade de novos rexistros de doadores de medula ósea en Galicia e transmitir a forza aos pacientes", explica David Gil, presidente da Asociación Frangil.
Baixo o lema "sobre os nosos pasos" percorreron correndo case 500 quilómetros cunha mensaxe de vida en positivo. Pararon nos sete hospitais que rexistran doadores e visitaron aos pacientes para darlles folgos.
David Gil comezou este proxecto dando a volta a Galicia en solitario en 2009. Aí naceu este movemento que non deixa de medrar.
Vero Romero correu durante os cinco días desta volta a Galicia. Asegura que foi emocionante e destaca "puidemos estar con algún paciente e foi moi emotivo. Déronnos ás".
David insiste na necesidade de información.
"Ás veces por descoñecemento, outras por mal coñecemento de que supón ser doador de medula ósea... É unha doazón en vida que pode salvar unha vida".
Cando arrancou este proxecto, en 2009, había 60.000 rexistros en España; hoxe superan os 460.000.