Pechan temporalmente as piscinas de Castro de Ribeiras de Lea pola aparición de feces
O Concello clausurou de forma preventiva o vaso pequeno para realizar labores de limpeza, desinfección e control sanitario
O Concello de Castro de Rei (Lugo) pechou temporalmente as pisicnas municipais de Castro de Ribeiras de Lea tras detectar a presenza de excrementos no vaso pequeno.
A clausura preventiva efectuouse este mércores ao mediodía para poder intervir no recinto e cumprir cos protocolos sanitario establecidos.
Nun bando difundido nas redes sociais, o Goberno local explicou que se viu obrigado a clausurar a actividade para garantir a salubridade das instalacións e proceder á súa limpeza, desinfección e posterior control.
O Concello lamentou as molestias ocasionadas aos bañistas e indicou que informará de calquera novidade sobre reapertura das piscinas.
Este tipo de incidiente xa se repetiu durnte este verán noutros municipios da provincia de Lugo, como Castroverde, Friol e Guitiriz.
O ano pasado tamén adquiriu relevancia o denominado "reto marrón", un fenómeno viral que incitaba a defecar na auga e que provocou o peche temporal de piscinas en distintos puntos do país, entre elas as de Monterroso e Quiroga.