Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os candidatos pechan a campaña electoral na provincia da Coruña

Os candidatos pechan a campaña electoral na provincia da Coruña

Case 2,7 millóns de galegos están chamado ás urnas o domingo para decidir os 75 asentos que conforman o Parlamento de Galicia

G24.gal 16/02/2024 15:23 Última actualización 16/02/2024 22:46

Despois de centos de mitins, visitas a residencias, escolas, mercados e ata tendas de animais, chegamos ao final da campaña electoral do 18F con todo por decidir. 

Ningún candidato dá nada por perdido, pero tampouco nada por gañado, e por iso aproveitaron o día ata o último minuto. Todos remataron a campaña na provincia da Coruña. 

No Palexco, o candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, estivo acompañado polo líder estatal dos populares, Alberto Núñez Feijóo.

O BNG, coa candidata Ana Pontón á fronte, despediu a campaña no Multiúsos do Sar, en Santiago de Compostela, xunto á alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín. 

Tamén en Santiago pechou a campaña o candidato dos socialistas galegos. Xosé Ramón Gómez Besteiro estivo arroupado no pavillón das Fontiñas polo presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez.  

A capital galega foi o lugar elixido para pechar a campaña tamén por Sumar. Foi no Palacio do Carme, onde estivo tamén a líder da formación, Yolanda Díaz. 

Pola súa parte, a candidata de Podemos, Isabel Faraldo, pechou a campaña na Coruña. 

As deste domingo son as eleccións número 12 en Galicia, desde as primeiras o 20 de outubro de 1981. Desde aquela Galicia tivo seis presidentes.

O domingo, case 2,7 millóns de galegos decidirán a composición do Parlamento, do que sairá o presidente da Xunta para os vindeiros catro anos. Deles, 58.903 xa votaron por correo. É un 20 % menos ca nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia, marcadas pola pandemia, pero un 37 % máis ca nos comicios de 2016. 

E este sábado será o último día para a remisión do voto por correo dos residentes ausentes. A diáspora ten un peso significativo ante o 18F, tendo en conta que os 476.514 residentes ausentes con dereito a voto nesta cita supoñen case o 17,7 % do censo de 2.693.624 chamados a emitir o seu sufraxio o domingo. 

O 18F despregaranse máis de 7.000 axentes para supervisar que os electores exerzan o dereito ao voto con normalidade, segundo informou a Delegación do Goberno. A maioría serán axentes da Garda Civil, máis de 4.000, aos que se suman 3.000 policías nacionais, locais e autonómicos.

O dispositivo, activo nos 2.346 colexios electorais repartidos por Galicia, estará operativo desde primeira hora da mañá e ata que se faga público o reconto de votos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade