Paulina Buforn volve guiar ao Porriño á vitoria contra o Lanzarote (26-22)
A xogadora encabezou a anotación con sete tantos
O Mecalia Guardés perdeu o primeiro partido da temporada na pista do Rocasa Gran Canaria (24-22)
Último partido antes do descanso na división de honra de balonmán feminino. O Conservas Orbe Zendal Porriño conseguiu a vitoria diante do cabeiro, o Lanzarote, por catro goles de diferenza.
Cun axustado 11-10 no marcador, o equipo galego fixo un 3-0 antes do descanso e un 5-1 á volta do intermedio que deixaron o partido encamiñado. O Lanzarote só puido enxugar a desvantaxe dos 8 ata os 4 goles.
Paulina Buforn, unha vez máis, volveu ser a máxima goleadora do Porriño con sete tantos.
No outro partido desta xornada con representación galega, O Mecalia Atlético Guardés apañou en Gran Canaria a primeira derrota da temporada. As de Ana Seabra non puideron co Rocasa, que se coloca de terceiro tres puntos por detrás. A primeira metade rematou cun 13-9 a prol das locais que daba idea das dificultades das galegas no encontro. Na segunda metéronse no partido no treito final, pero acabaron cedendo por 24 a 22.