Pasteleiros e panadeiros celebran santo Honorato, patrón dos artesáns dos fornos
Os profesionais alertan da falta de remuda xeracional
Homenaxe aos artesáns dos fornos en Redondela no día do seu patrón, santo Honorato. A Asociación dos Panadeiros e Pasteleiros de Pontevedra aposta pola supervivencia do oficio, e organizou unha exhibición dos alumnos do centro integrado de formación profesional Manuel Antonio de Vigo. Sonia Cabanas, xefa do Departamento de Industrias Alimentarias, coordinou a actividade en que os alumnos amosaron a súa arte no mundo do pan e a súa maridaxe.
Unha das actividades correu a cargo de Iban Yarza, xornalista especializado en pan e recoñece o valor dos nosos artesáns dos fornos. O pan galego ten sona dentro e fóra do país, pero a remuda xeracional é o gran problema. Recoñéceo Francisco Sánchez Bergantiños, presidente de APROINPPA.
Ese problema non o teñen de momento na Panadería Nosa Señora da Peneda. Van pola cuarta xeración, e o neto do fundador recibe hoxe unha homenaxe póstuma dos compañeiros. O seu fillo, Rubén Troiteiro, canda seu irmán e parellas, seguen a tradición, e recoñecen a dura competencia dos elaborados industriais.
As celebracións por santo Honorato recoñecen especialmente o traballo de todas as mulleres que fixeron e fan do pan galego unha xoia artesanal.