Publicador de contidos

Publicador de contidos

O bolo de 6.000 ovos de San Gregorio xa está no forno

O bolo de 6.000 ovos de San Gregorio xa está no forno

Leva 6.000 ovos e mide cinco metros de longo por dous e medio de ancho

Fan falta 20 persoas para levalo ao campo da festa e dá para 1.000 racións

G24.gal 11/04/2026 21:23

Máis de seis mil ovos de casa e o esforzo de vinte persoas para levantar unha peza única. En Paradela, en Meis, xa están mans á obra para elaborar o seu famoso bolo de San Gregorio, un doce que ten o Récord Guiness desde hai máis de vinte anos.

Fumega na Panadaría Paradela porque hoxe é tarde de amasado e forno para o bolo de pascoa de San Gregorio, cos seus 6.000 ovos a cocer enriba. Son moitas mans a traballar na comisión e despois de 34 anos facendo esta festa xa lle teñen o xeito collido. 

"Hai que xuntar unha boa cantidade de ovos, os 6.000 ovos que conseguimos grazas aos veciños, ás mulleres que van por aí recollelos, outros veñen facer unha doazón á panadaría. Conseguimos esa cantidade para poder elaborar o bolo", conta Fernando Silva, presidente da Comisión.

A tradición comezou nos bolos que madriñas e padriños lles encargaban aos afillados. Daquela cada quen poñíalle os ovos que podía pero a cousa foi aumentando. 

"Podían ser de dous ovos, de un, de 6, ata de 50 ovos. A partir de aí foi de onde empezamos con esta historia e ata aquí chegamos",  di Luís Silva, que tamén participa na Comisión.

O bolo agora mide cinco metros de longo por dous e medio de ancho, xusto para que caiba no forno. Unha vez listo farán falta 20 persoas para levalo mañá ao campo da festa e repartilo entre os comensais.

"Vai enteiro no forno. Moitos din se os facemos en pedazos. Non, isto vai enteiro nunha peza, o que pasa é que temos que cocelo en dúas tandas. Métese a primeira volta e ás dúas horas dámoslle volta. Sacámolo e volvemos cocer a outra parte que queda", asegura Fernando Silva.

A comisión calcula que dará para unhas 1.000 racións, que, con humildade, competirán coas lambetadas de chocolate que moitos xa recibiron o domingo de Pascua.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos