Paseo turístico pola cidade da Coruña a ritmo de tuk-tuk
O uso do motocarro está a ter moi boa acollida entre os turistas dos cruceiros
Son vehículos eléctricos e sostibles
Partindo da zona da Mariña comeza esta viaxe por algúns dos principais monumentos turísticos da cidade.
"A ruta faise con audioguía para que sexa máis inmersiva, e faise en castelán, en inglés e en alemán", explica Sheila Cotelo, directora de Tuk Experience para España.
Descubrir a cidade a bordo dun tuk-tuk está a espertar interese entre os turistas dos cruceiros, sobre todo, alemáns e ingleses.
"Cando chegamos ao estadio de Riazor, como moitos son ingleses, son moi futboleiros e claro que coñecen o Deportivo", comenta Adrián, condutor de motocarro.
De uso estendido en latitudes asiáticas, este motocarro está a introducirse en Galicia para o seu uso turístico.
"Sobre todo son estranxeiros, pero tamén para a xente da propia cidade que non coñece a historia de moitos dos nosos edificios ou das torturas do Castelo de Santo Antón ou o que significado da Torre de Control Marítimo", matiza Sheila Cotelo.
Nos 75 minutos que dura o percorrido, a única parada faise á altura do polbo do paseo marítimo, baixo o monte de San Pedro e cunha vista panorámica da cidade coa Torre de Hércules ao fondo. Un momento e unha paisaxe para inmortalizar nunha foto.
Paseniñamente, a menos de 30 quilómetros por hora, o tuk-tuk permite unha experiencia personalizada e sostible.
"Son vehículos eléctricos, totalmente sostibles, que poden circular por zonas de baixas emisións. Amais temos permisos para acceder á zona da Mariña. Isto é todo un potencial que fai que sexa un atractivo moi interesante para o turismo", conclúe a responsable de Tuk Experience España.
Estudan nun futuro incorporar paradas gastronómicas a estas rutas.