Publicador de contidos

Publicador de contidos

As vítimas do accidente de Angrois denuncian 12 anos de "abandono" por parte do Estado

As vítimas do accidente de Angrois denuncian 12 anos de "abandono" por parte do Estado

A plataforma lamenta que ningún goberno asumise responsabilidades políticas tras a condena penal ao exdirector de seguridade do Adif

Critican o silencio do actual ministro de Transportes e a ausencia de homenaxes na nova estación de Santiago

Levan a súa denuncia á Comisión Europea e confían en avances no Tribunal de Dereitos Humanos

G24.gal 24/07/2025 18:27 Última actualización 24/07/2025 18:32

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois, ocorrido o 24 de xullo de 2013, denunciou este mércores que, doce anos despois, "o Estado segue sen responder" e tampouco se asumiu "ningunha responsabilidade política" pola traxedia que deixou 80 persoas mortas e 144 feridas.

No aniversario do sinistro, varios membros da asociación compareceron ante os medios na estación de ferrocarril de Santiago. Alí, o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, lembrou que a actual ministra imputada Isabel Pardo de Vera foi directora das obras de acceso á capital galega, no tramo onde descarrilou o Alvia.

Críticas ao Goberno e á ausencia de homenaxes

Domínguez lamentou que o ministro de Transportes, Óscar Puente, pasará á historia como "o único" que non os recibiu, nunha actitude que cualificou de "pusilánime e covarde".

Tamén criticou que na nova estación "non hai nin unha placa nin un recordo ás vítimas", o que considera unha mostra de "desleixo institucional" e un intento de esquecer para "ocultar responsabilidades".

Acusacións de corrupción e recortes en seguridade

A plataforma volveu cuestionar os recortes no sistema de seguridade ERTMS, que, segundo a sentenza xudicial, puido evitar o accidente.

Denuncian que ese sistema se eliminou por decisións políticas encabezadas polo exministro José Blanco e que supuxo un "aforro de 19 millóns de euros".

"Preguntámonos se a corrupción mata, porque ese recorte custou vidas", advertiu Domínguez, que lembrou que ese sistema estaba previsto para o tramo de entrada a Santiago.

Confianza en Europa e denuncia ante a Comisión

Ante a falta de respostas en España, a plataforma recorreu ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e espera novidades nos próximos seis meses.

Tamén contou co apoio da eurodeputada do BNG Ana Miranda, que anunciou a presentación dunha denuncia ante a Comisión Europea para esixir unha investigación independente.

Miranda comprometeuse a "seguir traballando para que se coñeza toda a verdade" e lamentou que durante estes anos "nin o PP nin o PSOE, nin Sumar nin Podemos" tiveron vontade política de resolver a situación.

Unha sentenza "histórica" e unha loita desigual

A plataforma destacou que a sentenza do 26 de xullo de 2024 supuxo un punto de inflexión ao condenar penalmente o exdirector de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte.

A sentenza cualificaba de "incomprensible" que un tramo tan perigoso carecese da protección axeitada e deixase toda a responsabilidade no maquinista.

Segundo o colectivo, isto demostra que o accidente foi "evitable" e derivado de "presas, cobiza, neglixencias e decisións políticas erróneas". Tamén denunciaron que a "verdade oficial", que culpaba só o maquinista e negaba que se tratase dunha liña de alta velocidade, quedou desmontada grazas á súa loita, "sen medios nin recursos".

"Durante 12 anos fomos ninguneados por cinco gobernos e cinco ministros", denunciaron. Reclaman unha desculpa pública de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo, José Blanco, Ana Pastor e de todos os que, ao seu xuízo, contribuíron ao encubrimento e aumentaron a dor das vítimas.

Este ano, por primeira vez, non organizaron un acto público na curva da Grandeira, en Angrois, senón un encontro privado no pazo do Faramello. A súa loita, din, vai dirixida ás vítimas que xa non están e a quen non puido defenderse. Conclúen que aínda queda pendente unha resposta política, unha investigación técnica independente e unha xustiza completa "para que non volva suceder".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade