Esgotados en menos de tres días os máis de 16.000 bonos turísticos da Xunta
Rueda asegura que é unha perfecta mostra de que a medida, que inxecta 2,5 millóns no sector, foi un acerto

O Bono Turístico da Xunta, co que a administración galega inxecta uns 2,5 millóns de euros no sector, esgotouse en menos de tres días.
A este feito referiuse o presidente da Xunta Alfonso Rueda, que destacou que é unha perfecta mostra de que a medida foi un acerto no seu día.
Segundo indicou Rueda, esta iniciativa, que naceu en circunstancias diferentes cando había que incentivar o turismo, foi unha boa idea que permite que nos meses nos que diminúe a demanda externa os propios galegos sigan mantendo un nivel aceptable e fagan gasto en Galicia.
En concreto, conforme lembrou a Xunta, transcorridos apenas tres días, concretamente 60 horas, desde que se habilitou a descarga do bono na web www.bonoturismo.gal, o público xa se fixo cos 16.666 bonos turísticos postos en circulación para promover a desestacionalización do destino e favorecer que o turismo xere recursos e riqueza ao longo de todo o ano.
Turismo de Galicia inviste nesta actuación 1 millón de euros pero mobiliza 2,5, que irán directamente ao sector.
Desde o día 18, ás 09:00 horas, os bonos estaban ao dispor do público na web e, transcorridas só tres horas desde a súa apertura, xa se contabilizaron 7.000 descargados.
O ritmo continuou o sábado e xa á primeira hora constataban 14.166 descargas. A última hora desa xornada, o número incrementouse ata os 15.436 bonos. Ás 21:00 horas constatouse a totalidade das descargas, isto é, 16.666 bonos, por un importe total de 1 millón de euros.
Cada un ten un importe de 150 euros, dos que o 40 % son financiados pola Xunta (60 euros) e o restante 60 % polo usuario (90 euros).
Os bonos poderanse gozar desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro, sendo esta unha iniciativa que contribúe a que haxa un maior fluxo de visitantes fóra da tempada alta e, por tanto, á desestacionalización do destino.