Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aprobar as materias deixará de ser a condición para pasar de curso

Aprobar as materias deixará de ser a condición para pasar de curso

A ministra defende que o criterio será "a avaliación continua para detectar as dificultades de aprendizaxe"

A Xunta buscará minorar o impacto da fin das recuperacións 

G24.gal 16/11/2021 15:49

A repetición de curso converterase nunha medida moi excepcional nas distintas etapas de primaria, secundaria, bacharelato e FP, e a decisión deixará de estar condicionada polo número de materias superadas e recaerá enteiramente sobre os profesores.

O decreto de Avaliación, Promoción e Titulación aprobado este martes no Consello de Ministros, recolle esta medida, que a ministra de Educación e Formación Profesional Pilar Alegría subliñou como unha aposta pola avaliación continua, para detectar as dificultades de aprendizaxe e lograr "unha maior motivación" entre o alumnado para que supere con éxito as distintas etapas educativas.

"Tentamos promover un esforzo baseado na motivación, non no castigo", para que os alumnos alcancen a "mellor aprendizaxe posible", salientou a ministra.

Ademais, dixo, trátase de atender as necesidades específicas de cada alumno, detectar as dificultades e prestar apoio ao estudante e "confiar máis" nos docentes, que son os que mellor coñecen a adquisición de competencias dos seus alumnos.

Respecto diso, Alegría considerou moi preocupante que o 30 % dos alumnos menores de 15 anos repetisen polo menos unha vez de curso e que as taxas de abandono se sitúen nun 16 %.

Na educación primaria, as decisións sobre a promoción serán adoptadas polos equipos docentes e farase nos cursos de segundo, cuarto e sexto. Será automática no resto de cursos da etapa. E será completamente excepcional a repetición de curso.

Na ESO, cada materia avaliarase de maneira diferenciada, pero os equipos docentes deberán primar a consecución por parte do alumno dos obxectivos e competencias fixadas.

Decidir sobre se o alumno fai promoción deixa de condicionarse ás materias superadas e recae no equipo docente.

Os profesores teñen que avaliar se as materias superadas polo alumno lle permiten seguir con éxito o curso seguinte.

A repetición considérase unha medida absolutamente excepcional. Só se poderá permanecer no mesmo curso unha soa vez e dúas como máximo en todo o ensino obrigatorio.

A decisión de concederlle o título tamén será cousa do equipo docente e primarase para iso a adquisición das competencias e o logro dos obxectivos.

Ademais, suprímense as convocatorias extraordinarias de xuño ou setembro.

Nos ciclos de FP básica, a avaliación será igualmente continua, formativa e integradora e quen supere todos os módulos incluídos nun ciclo obterá o título de Graduado en ESO.

No bacharelato a avaliación deberá ser continua e diferenciada por materias, e o profesorado de cada materia decidirá se o alumno alcanzou o adecuado grao de adquisición das competencias. 

Pasar de primeiro a segundo esixirá un máximo de dúas materia suspensas. Neste caso si haberá unha convocatoria extraordinaria.

Para lograr o título de Bacharel será precisa a avaliación positiva de todas as materias dos dous cursos. Extraordinariamente, prevese obter o título cun suspenso, se o equipo docente cre que alcanzou os obxectivos, acudiu ás clases, se presentou a todos os exames e fixo as actividades de avaliación e se a media das cualificacións é igual ou superior ao cinco.

Na Formación Profesional, a expensas da nova regulación que haxa que facer destes ensinos tras a tramitación da nova lei, a avaliación do alumnado nos ciclos formativos realizarase por módulos profesionais.

Inicialmente o Ministerio de Educación aceptara agardar un ano para aplicar este decreto, tal e como solicitaban algunhas comunidades autónomas, como Galicia. Na Xunta critican a imposición unilateral destas medidas, que supoñen cambiar as regras de xogo á metade de curso, e buscan a maneira de paliar o seu impacto.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade Román Rodríguez asegurou que tomará “as medidas necesarias” para que o decreto que elimina as recuperacións na ESO teña o “menor” impacto posible no sistema educativo galego.

Rodríguez avanzou que a Xunta o analizará “dun modo xurídico” e xa convocou para a semana que vén a xunta autonómica de directores para ver como ese decreto “modifica o desenvolvemento ordinario do curso”.

A partir de aí, engadiu, tomaranse “as medidas necesarias para que o impacto no sistema educativo galego sexa o menor posible”.

“Estamos ante unha proba máis dunha forma de facer política de ordeno e mando que non debería ser habitual, e menos en educación”, condenou o titular de Educación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade