Pandemia no pasado, incerteza no presente e esperanza no futuro
O 2021 mudou a realidade, pero non decae a esperanza dun futuro cheo de normalidade
Se o 2020 foi un ano rotundo, este que remata foi un ano confuso. E con incerteza o despedimos. Este longo tempo de pandemia cambiounos a mirada e cambiounos a vida. Agora está por ver cantos deses cambios quedarán, e se saberemos aproveitar os que foron para mellor.
Chegou como un vento varredor que se fixo persistente nas nosas vidas. E agora dar a man non é o mesmo que dar a man. Apertas que quedaron conxeladas a medias, apertas que se rexeitaron como un deber.
Tocar ou non tocar. E de novo esperando a que escampe. A vida, a paso cambiado. A vida quizais xa cambiada.
Aprendemos da expresividade dos ollos, aprendemos a ver emocións en beizos invisibles.
De súpeto adiantouse varios anos a presenza das aulas virtuais, de todo tipo de xuntanzas a distancia. Distancia, si, pero cunha xeración que, á forza, soubo adoptar a hixiene antes ca ningunha.
Nos adultos, un desexo crecente de saltar do máis urbano aos arredores e ao rural.
Máis demanda de vivendas fóra da cidade, novas posturas na irrupción do intermitente teletraballo.
Puxémonos a mercar moito máis en liña, acelerouse o pagar menos en efectivo, pero tamén o valorar o comercio local. Novos elementos xa integrados na paisaxe coma se levasen aí toda a vida.
Prognostícase unha preocupación pola saúde maior aínda, máis poder das tecnoloxías de datos. Fálase de camiñar cara á economía verde, logo do que demostrou a baixada da contaminación cando o mundo parou.
Parou e cambiou a mirada. Mesmo nunha ventá aberta vemos agora moito máis ca unha ventá aberta. E dentro cambia o número de pratos dispostos. Hai quen o lamenta, e mesmo haberá quen o celebre. Moitos se preguntan se a sociedade se fixo, se fará máis individualista.
Pero a resposta para todo é a incerteza. Imos para dous anos. E iso, nestes tempos, xa é moito tempo.