Óscar Casas e Ana Jara presentan en Pontevedra a longametraxe ‘Me has robado el corazón’
O elenco destaca a rodaxe en Galicia como unha experiencia “moi bonita”
A comedia romántica, participada pola Televisión de Galicia, filmouse en diversas localizacións da comunidade
Óscar Casas e Ana Jara presentaron este martes en Pontevedra a longametraxe 'Me has robado el corazón', estreada o pasado venres nos cines tras unha rodaxe en distintas localizacións de Galicia.
Os intérpretes acudiron acompañados dunha ampla representación do equipo artístico, no que figuran Xurxo Carreño, Lucía Veiga, Francis Lorenzo e Antonio Pagudo, entre outros.
A película está participada pola Televisión de Galicia. O elenco destacou a experiencia de traballar na nosa comunidade e cualificou a rodaxe como unha aventura moi agradable.
A película, ideada polo pontevedrés Alberto Arruty e inspirada nun feito real ocorrido nos Estados Unidos, relata a historia de Eric, interpretado por Óscar Casas, un enxeñeiro que foxe cara Galicia despois de roubar un banco en Madrid. Na súa carreira coñece a Vera, personaxe de Ana Jara, a quen engana para que o leve mentres a policía os segue.
Casas e Jara salientaron que se trata dunha comedia romántica que busca ofrecer ao público unha sensación de optimismo ao saír do cine. A actriz expresou que coñecer o Entroido de Verín e incorporalo á gravación foi un agasallo que gozou intensamente.
Óscar Casas subliñou a emoción de rodar en Galicia, onde ten raíces familiares, e explicou que esta foi a primeira vez que puido gravar na comunidade. Indicou que a experiencia lle permitiu reencontrarse con paisaxes e lugares coñecidos e descubrir novos escenarios.
O actor animou o público a acudir ás salas porque a longametraxe pretende emocionar e provocar un sorriso. Entre risas, tamén comentou o seu traballo co acento galego. Indicou que o afrontou co máximo respecto e enviou un bico ao público galego.