Os xeradores, un perigo se se usan en espazos interiores
Os expertos advirten dos riscos despois da morte dunha familia en Taboadela
Emiten monóxido de carbono, un gas imperceptible pero letal
Como se puido comprobar no apagamento, os xeradores poden salvar vidas, pero tamén quitalas se non se toman certas precaucións.
"O maior perigo é a intoxicación por monóxido de carbono. Teñen motor de combustión que, ademais do fume, molesto e visible, emiten o monóxido que non cheiramos nin vemos. É un gas que produce a chamada morte doce, nos vai adormecendo aos poucos, non nos damos de conta e podemos falecer", explica Manuel Martínez, xefe de garda dos bombeiros da Estrada.
Por iso existen no mercado detectores de monóxido para poñer nas casas. Pero o mellor consello para previr traxedias é non usar nunca os xeradores en espazos interiores, aínda que as fiestras estean abertas.
"Ten que estar sempre fóra, en sitios moi ventilados. Podería ir no balcón ou terraza dun piso se ten a porta pechada. Pero nunca na casa, nin con fiestras abertas, porque o vento pode traer de volta o monóxido para o interior".
Outra cuestión importante é que o cable teña o grosor suficiente para soportar a potencia. E se vemos que o combustible se esgota, cómpre apagar o xerador para repostar, nunca facelo en marcha.
"É un erro porque a gasolina é moi volátil, o motor móvese e está a moita temperatura cando o usamos. Hai que apagar, agardar que arrefríe e despois repostar".
Aínda que non se usen de xeito habitual cómpre facerlles mantemento, acendelos periodicamente e almacenalos sen gasolina. Consellos básicos que en caso de apagada poden marcar a diferenza entre unha axuda ou un problema maior.