Os virus respiratorios infantís adiantan a súa chegada
Este tipo de enfermidades apenas se manifestaron durante a pandemia
Tres de cada dez pacientes que acoden estes días aos servizos de urxencia dos hospitais galegos son nenos. A demanda das urxencias pediátricas medra co retroceso da covid, e está a provocar un pico de demanda que normalmente non adoitaba producirse nesta época do ano.
Adiántase case dous meses esta situación que normalmente se daba a finais de decembro. Os pediatras lembran que vimos dun ano atípico en que pola covid estes virus infantís retrocederon e apenas se manifestaron.
Agora volvemos a unha situación máis normal. É un virus coñecido, o causante da bronquiolite, que rara vez provoca afeccións graves.
"Coa retirada da covid -en Galicia en concreto temos a incidencia máis baixa de toda España-, resulta que empezamos a ver unha repunta de casos de infeccións por este tipo de virus. Chama máis a atención porque, por exemplo, o virus respiratorio sincitial é máis característico que se dea un pouco máis tarde", di Josep Sirvent, pediatra e pneumólogo infantil
Os picos deste virus infantil precursor da gripe en adultos estaban antes a finais de decembro. Pero os pediatras observaron lixeiras variacións na estacionalidade tamén doutros virus.
"Dicíasenos: cando vexas casos de varicela, é que a primavera se anuncia. Agora iso xa non se dá. Agora podes ver casos de varicela en calquera época do ano", explica o doutor Sirvent.
Tamén lembran os pediatras que os casos de covid poden pasar desapercibidos entre a poboación infantil e que, por iso pode ter unha incidencia real maior da rexistrada.
No caso do virus sincitial, as consecuencias non adoitan ser graves. "Non require máis que coidados a domicilio, asegurar que as vías aéreas superiores estás limpas". Só en casos moi contados require ingresos en UCI e apoio respiratorio.