Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os veciños dos Duráns, en Vilagarcía, loitan contra os narcopisos no barrio

Os veciños dos Duráns, en Vilagarcía, loitan contra os narcopisos no barrio

Piden que os propietarios tapien as vivendas abandonadas despois do último intento de ocupación

Levan tempo denunciando a existencia dunha narcovivenda no número 4 e temen que o problema vaia a máis 

 

G24.gal 14/03/2023 12:05

A chamada dos veciños dos Duráns aos propietarios e á policía logrou frear o intento de ocupación dun inmoble. Pero temen non chegar a tempo a próxima vez e que nas casas abandonadas do barrio se monten novos puntos de venda de drogas. Por iso piden que os donos deses inmobles tomen medidas o antes posible.

"Hai moita casa abandonada, en calquera momento pode haber novos casos de ocupacións ou mesmo un derrubamento xa que algunhas están moi danadas na estrutura", explica un veciño.

"Que acondicionen o exterior e que as tapien, non é normal que deixen que se poda entrar así. Se non que se faga o Concello cargo delas e que as manteña en condicións", pide unha veciña.

Levan tempo denunciando a presenza dunha narcovivenda no número 4 desta céntrica rúa de Vilagarcía. Agora temen que o problema vaia a máis con novas ocupacións. Recolleron máis dun cento de sinaturas para pedir o desaloxo da vivenda e filmaron numerosas escenas que dan conta dos problemas de convivencia que xera.  

"Hai pelexas e discusións entre eles de día e de noite e ao final hai xente que ten medo de pasar pola rúa. Mesmo hai pais que fan chamadas de acompañamento aos seus fillos menores cando entran na rúa", comenta un veciño.

"Saen de alí fatal, un día caeu un contra o testo, tivo que vir a ambulancia e levalo ao hospital. Ademais as pelexas son constantes, hai un montón delas, os que viven en fronte padécenas seguido", engade unha veciña.

Piden maior presenza policial para disuadir os compradores e que o Concello interveña para restaurar a tranquilidade e a seguridade na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade