Os veciños de Narón recollen sinaturas para loitar contra o tráfico de drogas e a ocupación ilegal
Os veciños cren que hai entre 20 e 30 persoas ocupando ilegalmente vivendas na zona de Santa Icía
Din que máis de vinte persoas teñen ocupado ilegalmente varias vivendas da avenida de Santa Icía e que a finais do ano 2020 comezaron a detectar unha maior actividade e consumo de drogas. Denuncian que iso derivou en graves problemas de convivencia. Liortas nas rúas, os roubos e atracos son constantes e mesmo a venda de droga a pequena escala pode verse a plena luz do día.
No barrio teñen medo a saír pola noite porque saben que os toxicómanos piden cartos e nos negocios que non pechan á noite procuran sempre quedar polo menos dúas persoas para evitar os atracos. Nalgúns casos os donos ou empregados non saen sen levar un aerosol de pementa de autodefensa no peto.
A veciñanza coincide en apreciar que durante as últimas semanas hai máis control policial, aínda que consideran que é insuficiente nesta zona de paso cara a dous dos supermercados da droga da periferia de Ferrol.
O compromiso que conseguiron do Concello é estudar a situación dos inmobles da zona e alertar se fose necesario os propietarios para que tapen con ladrillo as entradas, así como de incrementar a presenza policial para devolver a seguridade ao barrio.
Ademais, informaron ao xulgado das vivendas que se atopan habitadas de maneira ilegal.