Os veciños da enseada do Orzán piden máis presenza policial na zona
Nos últimos meses aumentaron considerablemente os altercados
Esta fin de semana houbo un acoitelamento
Pelexas, ruídos a altas horas da mañá e agora agresións con arma branca... Isto é o que teñen que aturar os veciños da enseada do Orzán todas as noites de martes a sábado.
Rubén Boullón, voceiro da asociación de veciños da enseada do Orzán, asegura que o día vinte e nove de decembro rompéronlle o nariz a un home e que o día dezaoito houbo outra pelexa que obrigou a presentarse na zona os equipos de emerxencia. Asegura que todas as semanas é así.
Dun tempo a esta parte mesmo se comezaron a rexistrar algúns roubos en vivendas, o que fixo aumentar aínda máis a inseguridade na zona.
Unha veciña di que lle entraron a roubar na casa a plena luz do día.
Dende a asociación de veciños piden máis presenza policial no barrio, sobre todo polas noites que é cando se produce a maioría dos altercados. Rubén Boullón da asociación de veciños da enseada do Orzán denuncia que non se cumpre o toque de non queda.
A alcaldesa da Coruña anunciou a mediados de setembro que ía reforzar a vixilancia e as sancións na zona do Orzán, pero catro meses despois os veciños seguen vendo como as cousas en lugar de mellorar seguen empeorando. Piden máis contundencia para acabar coa inseguridade e o vandalismo.