Detido por violencia de xénero logo de ameazar a muller cun robot aspirador en Pontevedra
Ao entrar na vivenda, a muller, que se atopaba nun "estado de forte nerviosismo", explicoulles que a disputa se produciu pola "mala convivencia diaria"
Esta non era a primeira vez que sufría ameazas e insultos, nalgunhas ocasións producíronse diante da filla menor de ambos
Imaxe de arquivo
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado 30 de xullo un home como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras unha discusión nunha vivenda familiar.
Tal e como trasladou o Goberno local, os axentes atoparon ao home nas inmediacións do inmoble e foi o mesmo quen lles confirmou a convivencia e as dificultades que atravesaban na relación.
Ao entrar na vivenda, a muller, que se atopaba nun "estado de forte nerviosismo", explicoulles que a disputa se produciu pola "mala convivencia diaria". Durante a rifa, o home supostamente colleu un robot aspirador con actitude "intimidatoria" e proferiu ameazas cara a ela.
Segundo relatou a vítima, esta non era a primeira vez que sufría ameazas e insultos, e de feito, nalgunhas ocasións producíronse diante da filla menor de ambos. Así mesmo, a muller sinalou que os episodios violentos tiñan lugar desde o ano 2018, incluíndo agresións físicas previas nas que o home supostamente agarrábaa polo pescozo.
Por todo iso, explicaba que desexaba cambiarse de domicilio, pero non puido facelo ata o de agora por dificultades económicas. Finalmente, os axentes detiveron o home, que foi trasladado ás dependencias policiais e, posteriormente, posto ao dispor da autoridade xudicial.