Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os usuarios lamentan que o Goberno non aplique o ditame que declarou ilegal a prórroga da AP-9

Os usuarios lamentan que o Goberno non aplique o ditame que declarou ilegal a prórroga da AP-9

Os responsables de En Colectivo, que levaron a demanda contra a ampliación da concesión a instancias comunitarias, esixen que o Goberno inicie o procedemento de anulación "para deixar de pagar unhas peaxes inasumibles"

G24.gal 17/09/2025 14:21 Última actualización 17/09/2025 14:48

"Non entendemos por que, unha vez máis, o Goberno se opón ao cumprimento dun ditame que estableceu que a ampliación da concesión da AP-9 incumpriu a normativa comunitaria", aseguraba este mércores Diego Maraña, presidente de En Colectivo, tras coñecer a decisión do Executivo central de remitir á Comisión Europea datos sobre esa prórroga que a propia Comisión xa declarou ilegal en lugar de tomar unha decisión sobre o seu futuro.

"Non entendemos por que quere volver negociar algo que xa a Comisión Europea declarou a súa ilegalidade", insistía Maraña, quen manifestou que "só queremos unha gratuidade da autoestrada que beneficie aos galegos porque a xustiza é para todos".

"Temos o dereito e a obriga por parte do Estado de iniciar o procedemento de anulación para deixar de pagar unhas peaxes inasumibles", concluíu o responsable de En Colectivo, grupo que levou a instancias comunitarias a denuncia contra a ampliación da concesión ata o ano 2048.

Reclamación histórica

A reclamación dos usuarios da AP-9 é unánime. Piden rematar coas peaxes, das máis caras de España. Ir de Ferrol a Tui custa 26,85 euros. As bonificacións permiten facer gratis o regreso no mesmo día para os vehículos lixeiros e un desconto do 50 % se fan máis de 20 viaxes ao mes. 

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, destaca que  "se lle leva aforrado aos galegos con este goberno máis de 350 millóns de euros en canto ás bonificacións dadas".

Os vehículos pesados contan cun desconto do 50 % en calquera traxecto. Os transportistas insisten en que as bonificacións non son suficiente para competir coas empresas instaladas noutras zonas con autoestradas que si se liberalizaron. "Estamos un pouco na periferia de Europa e todo é máis caro. Non podemos ser tan competitivos como os que pagan menos peaxes", explica Fernando Barros, director xerente de Transportes Barros.

Cada día de media uns 71.500 usuarios pagan peaxes por circular por esta autoestrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade