Os tres superviventes do naufraxio están a bordo do Playa Menduíña
Juan Padín, Eduardo Rial e Samuel Kwesi van recuperándose da hipotermia
Gloria Padín non se separa nin un segundo do teléfono. É irmá de Juan Padín, o patrón do Villa de Pitanxo, e tamén nai de Eduardo Rial, un dos mariñeiros. Sabe que os dous están vivos, pero non ten máis noticias. E o seu alivio ten sabor amargo, porque se mestura coa dor das outras familias.
"Así como a min me doeu antes de saber que estaba vivo, así lles doerá a eles. Eu compadézome deses familiares, desa xente. Ese é un trauma moi grande", di Gloria.
Juan Padín, o patrón do barco, leva dende os catorce anos no mar e ten moita experiencia nos caladoiros do Canadá. Pero hai anos que comezou a investir nun gran proxecto en terra. Hoxe é dono da casa rural Cabo Home, na parroquia de Hío.
El foi o único que conseguiu chamar a familia e avisar de que tamén estaba vivo o seu sobriño. Eduardo Rial ten 42 anos e quere formar pronto unha familia. A parella de Eduardo falou con el apenas unha hora antes de que o barco dese o sinal de alarma. Dende entón, non volveron ter contacto.
"Sabemos o mesmo ca onte, non sabemos nada novo", di Sara Prieto, parella de Eduardo. "Imaxino que ata que saiban algo máis non falarán con ninguén".
O terceiro supervivente é Samuel Kwesi. Natural de Ghana e con pouco máis de trinta anos, vive en Marín dende hai unha década. "É un home sempre disposto a botar unha man, de feito axuda moitas veces na ONG que ten a igrexa evanxélica en Marín", comenta o pastor evanxélico de Marín Xulio Torres.
Ten muller e cinco fillos en África. O máis novo é un bebé que aínda non puido coñecer.