Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os tratamentos oncolóxicos de precisión marcan un futuro esperanzador na loita contra o cancro

Os tratamentos oncolóxicos de precisión marcan un futuro esperanzador na loita contra o cancro

Entre os avances dos últimos anos están a inmunoterapia e as terapias dirixidas ás alteracións moleculares

Os novos fármacos atacan as células tumorais de xeito máis preciso

Os investigadores esperan poder curar o 70 % dos tumores malignos en menos dunha década

G24.gal 25/02/2023 13:54 Última actualización 25/02/2023 14:18

A investigación contra o cancro deu pasos de xigante nos últimos anos e permitiu desenvolver fármacos e terapias que atacan as células tumorais de xeito máis preciso, o que mellora a calidade de vida dos pacientes e a súa supervivencia. 

Entre os grandes avances terapéuticos contra esta enfermidade nos últimos anos está a inmunoterapia, que lle dá ferramentas ao noso corpo para atacar as células tumorais, e as terapias dirixidas ás alteracións moleculares.

"Que sexan as nosas defensas, os nosos glóbulos brancos os que atacan o propio tumor... E tamén ten que ver coa identificación de alteracións moleculares que están implicadas no desenvolvemento dos tumores, e temos xa fármacos para algunhas delas que nos permiten bloquear ese mecanismo de crecemento", di o oncólogo Martín Lázaro.

A investigación científica, a innovación e a intelixencia artificial axudan a mellorar os tratamentos, que se converten cada vez máis en tratamentos oncolóxicos de precisión.

"A medida que coñecemos máis a bioloxía dos tumores atopamos máis vías sobre as que podemos actuar e agora temos acceso a técnicas diagnósticas que nos permiten analizar multitude de xenes implicados no crecemento dos tumores. Agora hai fármacos que utilizan dous mecanismos de acción inmunitarios, hai fármacos tamén que o que fan é unirse ás células que amosan unha alteración concreta e levarlle coma se fose unha bomba a esa zona para actuar sobre elas directamente", engade Martín Lázaro.

Segundo investigadores e especialistas, todos estes avances fan pensar nun futuro esperanzador no tratamento do cancro. Entre as súas expectativas está a de curar o 70 % dos tumores malignos en menos dunha década e cronificar o outro 30 por cento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade