Os transportistas abren a vía xudicial para pedir a nulidade das prórrogas da AP-9
Representantes de Fegatramer anuncian que recorrerán no Supremo contra as prórrogas dos anos 1994 e 2000
Solicitan a devolución das peaxes pagas indebidamente desde o ano 2013
Puente asegura que rescatar esta vía ocasionará un gasto "de miles de millóns de euros": "Non teño alternativa"
Representantes da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer) confirmaron este xoves a súa intención de presentar un recurso xudicial para pedir a nulidade das dúas prórrogas aplicadas sobre a concesión da explotación da autoestrada AP-9 polo Goberno central á empresa Audasa.
En conferencia de prensa, o secretario xeral desta entidade, Carlos García Cumplido, explicou que Fegatramer xa rexistrou unha cuestión previa á tramitación dun recurso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo contra estas dúas decisións adoptadas polo Executivo central.
Segundo indicou, o recurso abarca tanto a polémica prórroga do ano 2000, que ampliou en vinte e cinco anos, ata 2048, a explotación desta infraestrutura por parte de Audasa, como a anterior, materializada en 1994, que estendeu o período de concesión desde a data inicial de 2013 ata 2023.
A intención de Fegatramer é que o alto tribunal poida declarar nulas ambas as prórrogas e recuperar as peaxes pagas indebidamente durante este período, de modo que se devolvesen aos usuarios os cargos aboados con posterioridade ao comezo do ano 2013.
A AP-9 soporta na actualidade, sinalou García Cumplido, un tráfico diario de sesenta mil vehículos, catro mil deles de transporte de mercadorías ligados a empresas que realizan un importante esforzo económico, non cuantificado, en materia de peaxes.
As expectativas dos transportistas
O secretario xeral dunha das patronais do transporte por estrada en Galicia manifestou que o inicio desta vía xudicial é unha forma de poñerlle data á fin desta concesión da explotación da autoestrada, que considera irregular porque non houbo licitación pública para prorrogala nin publicidade deste procedemento.
En calquera caso, admitiu que os prazos do Tribunal Supremo non son precisamente rápidos e concedeu un prazo aproximado de catro anos para poder ter unha sentenza en firme sobre as cuestións reclamadas.
Así mesmo, Ramón Alonso, presidente de Fegatramer, prognosticou que, en caso de prosperar o recurso presentado, outros sectores económicos estarán encantados de poder reclamar a devolución das peaxes cobradas desde o ano 2013 en diante.
"Non cabe dúbida de que cando saia a sentenza aquí vai poder aproveitarse todo o mundo", sostivo.
Óscar Puente: "Non teño alternativa"
O ministro de Transportes, Óscar Puente, asegura que rescatar a AP-9 podería supoñer un desembolso de "miles de millóns de euros". Segundo sinalou: "Non teño alternativa".
Declaracións de Puente nun almorzo informativo organizado polo Diario Sur en Málaga.