Publicador de contidos

Os traballadores de Alu Ibérica urxen unha solución para a planta da Coruña

Os traballadores de Alu Ibérica urxen unha solución para a planta da Coruña

Ven o concurso de acredores como o escenario propicio para que as administracións presenten xa un proxecto industrial solvente

Insisten na vía da intervención temporal e anuncian novas mobilizacións

A planta de Alu Ibérica da Coruña, ás portas dun concurso de acredores
G24.gal 25/11/2021 13:40

Ás portas dun concurso de acredores, os traballadores de Alu Ibérica da Coruña só ven unha solución.  

"Cremos que é o escenario do que xa non hai volta atrás e no que as administracións teñen que presentar un proxecto industrial solvente", di Juan Carlos López Corbacho, do comité de empresa, e engade que está "amparado polas propias administracións que nos trouxeron a este desastre".

Insisten na vía da intervención temporal e acusan as administracións de darlles as costas e deixar o conflito en mans da xustiza. Piden a dimisión das ministras de Industria e Transición Ecolóxica.

"Non temos nós solución, pero non ten solución ningunha empresa electrointensiva deste país", lembran desde o comité de empresa.

Desde a Xunta insisten en que o futuro da planta depende dun prezo enerxético estable e competitivo. 

"O prezo eléctrico é unha condición para que poidamos traballar nese contexto para identificar un proxecto industrial" dixo o vicepresidente económico da Xunta. Francisco Conde insistiu en que "nese senso, esperamos unha reacción inmediata do Goberno".

Inmersos nun ERTE, sen cobrar e sen data para unha nova reunión da mesa industrial, os traballadores volven ás mobilizacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos