Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os socialistas manteñen o poder en París e Marsella e Le Pen conquista Niza

Os socialistas manteñen o poder en París e Marsella e Le Pen conquista Niza

"París será o corazón da resistencia contra a extrema dereita", asegura o novo alcalde da capital, Emmanuel Grégoire, numero dous de Anne Hidalgo

A alianza entre os socialistas e a esquerda radical de Mélenchon fracasa nas municipais deste domingo e failles perder Toulouse, a cuarta cidade do país

A extrema dereita de Marine Le Pen non logra impoñerse en Marsella e sitúa a Niza como o seu principal bastión

O socialista Emmanuel Grégoire recibe as chaves de París tras impoñerse á conservadora Rachida Dati (Reuters) O socialista Emmanuel Grégoire recibe as chaves de París tras impoñerse á conservadora Rachida Dati (Reuters)
G24.gal 23/03/2026 08:31

A esquerda consegue reter as grandes cidades tras as eleccións municipais deste domingo celebradas en Francia. París e Marsella, as dúas cidades máis importantes do país, continúan en mans dos socialistas, que se negaron a aliarse cos candidatos da Francia Insubmisa (LFI) nuns comicios caracterizados pola baixa participación.

París e Marsella erixíronse como dique das dereitas, como sinalaba o novo alcalde da capital. "París será o corazón da resistencia contra a extrema dereita", dixo Emmanuel Grégoire, durante anos número dous da alcaldesa Anne Hidalgo. A vindeira fin de semana será investido novo rexedor de París tras conseguir bater a exministra conservadora Rachida Dati, quen contaba co apoio explicito da extrema dereita, e renovar a confianza da cidadanía no partido iniciada hai 25 anos 

Grégoire fixo unha lectura nacional da súa vitoria e denuncia a alianza da dereita tradicional coa ultradereita. "Caeron as máscaras e hai que denunciar esas alianzas para gañar uns puntos", indicou.

Mala colleita dos pactos cos melenchonistas

O primeiro en facer un diagnóstico sombrío foi o secretario xeral do Partido Socialista (PS), Pierre Jouvet, que acusou o partido de Jean-Luc Mélenchon de facer perder á esquerda en bastións socialistas como Clermont-Ferrand ou Limoxes, ou cos verdes en Poitiers e Besançon, cuxos alcaldes saíntes fusionaran as súas listas con LFI.

"Estes resultados son un fracaso do enfoque da dirección do Partido Socialista", declarou o expresidente François Hollande.

O líder do partido Olivier Faure apelou á reflexión e criticou a esquerda radical polo seu discurso de ruptura, á vez que sinalou que o PS é o principal da esquerda francesa, coa vista posta nas presidenciais.

"O Partido Socialista arrastrounos con el", queixouse Mélenchon, ao asegurar que LFI salvou moitas listas da vella esquerda tradicional: "Somos unha forza útil onde outros son simplemente oportunistas sen rumbo", declarou.

Onde foron determinantes os pactos co partido de Jean-Luc Mélenchon para os socialistas foi en Nantes e en Lión, para os ecoloxistas en Lión, onde gañaron con só 3.000 votos de diferenza, pero a onda ecoloxista de 2020 desinflouse en Bordeus, Estrasburgo, Poitiers e Annecy.

Niza, o bastión da ultradereita

Aínda que a extrema dereita logrou conquistar Niza, a quinta maior cidade de Francia, coa vitoria de Éric Ciotti, non puido facerse co trofeo de Marsella.

Dese xeito, Niza, a vila mediterránea, con 360.000 habitantes, pasará a converterse no maior bastión da extrema dereita gala, que tamén sumou cidades como Carcasona, Orange, Castres ou Carpentras aos seus feudos, como Perpiñán.

"Esta é unha gran vitoria e unha confirmación da estratexia de implantación local da Agrupación Nacional", dixo Marine Le Pen, na súa conta de X.

Así queda o mapa municipal de Francia tras uns comicios marcados pola baixa participación, que se situou no 57 % do censo, o cal supoñería unha abstención récord se se exclúen as eleccións de 2020 celebradas en plena pandemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade