Os sindicatos agrarios rexeitan desmantelar a PAC e cifran o recorte en 77 millóns ao ano
Unións Agrarias (UU. AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) rexeitan a proposta de recorte de case un 25 % para o período 2028-2034 e din que equivale ao seu desamantelamento

Organizacións agrarias rexeitan desmantelar a PAC e cifran o recorte en 77 millóns ao ano para Galicia. Unións Agrarias (UU. AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) rexeitan a proposta de recorte de máis dun 20 % á asignación da política agraria común (PAC) para o período 2028-2034, ao entender que isto equivale ao seu deamantelamento.
Así se pronunciaron ambas as organizacións un día despois de que a Comisión Europea presentara a súa proposta para o novo marco financeiro plurianual (MFP) para o período de 2028-2034, que recorta en preto dun 25 % a asignación da Política Agraria Común a partir de 2027 en comparación co anterior orzamento a longo prazo, xa que rebaixa esta partida duns 400.000 millóns a un mínimo de 300.000 millóns.
En concreto, Unións cifra o recorte anual nuns 77 millóns de euros para a comunidade autónoma de Galicia, ao redor de 40 millóns menos no primeiro piar, destinado fundamentalmente aos produtores de leite e carne, e sobre 37 no segundo, dedicado á produción ecolóxica, ambiental, montaña e prevención forestal.
Pola súa banda, Ana Rodríguez, gandeira do sector lácteo de SLG e economista especializa na PAC, móstrase cauta á hora de facer unha estimación, pero entende que, tal e como está exposta a proposta, a redución para a comunidade galega estaría entre os 50 e os 100 millóns de euros anuais.
Ambos os sindicatos opóñense porque supón un ataque ao sector gandeiro e agrícola e fan un chamamento para que as forzas políticas tomen parte.
Para UU. AA., estamos ante un globo sonda
A organización que lidera Roberto García confía en que a Comisión rectificará unha proposta que poñería contra as cordas a capacidade de Galicia para manter investimentos esenciais para a supervivencia de agricultores e gandeiros.
García lamenta que a Comisión decide apostar pola seguridade militar e acabar con todo o que faga falta, empezando pola PAC. Interpreta isto como un globo sonda que marca a tendencia a non recuperar orzamento, e censura que isto pega un tiro de graza a todas as preocupacións que había pola seguridade alimentaria, a sostibilidade e o medio ambiente.
En todo caso, apunta que se trata dun documento de traballo e unha proposta que vai ter un percorrido político. "Cando chegue a aprobarse a finais de 2027 vai ter unhas modificacións da mesma radicalidade da que fai a Comisión", confía Roberto García.
O SLG fala de menos recursos, máis desigualdade, falta de regulación e desmantelamento da PAC
O Sindicato Labrego Galego, pola súa banda, avanza que seguirá reivindicando unha Política Agraria Comunitaria forte e cohesionada que responda ás necesidades dos agricultores e da cidadanía europea e que garanta un modelo de agricultura máis sostible e agroecolóxico.
Ana Rodríguez, gandeira do SLG denuncia que supón menos recursos, nada de regulación de mercados, desmantelamento da política agrícola común da Unión Europa e maiores desigualdades entre os agricultores dos Estados membros.