A princesa Leonor despídese de Marín tras once meses de formación na Armada
Durante o acto de entrega de despachos, a herdeira ao trono español recibiu de seu pai a Gran Cruz do Mérito Naval, distinción que recoñece a súa formación e compromiso coa carreira militar
A princesa de Asturias recibiu esta mércores á mañá a Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco, unha condecoración que lle foi imposta polo seu pai, o rei Filipe VI, na Escola Naval Militar de Marín.
Foi durante o acto de xura de aspirantes de primeiro da escala de oficiais e de entrega de Reais Despachos dos novos oficiais da Armada de quinto curso, coincidindo co día do Carme, acto co que a herdeira ao trono español finalizou os once meses de formación na academia de Marín.
Seu pai, o rei Filipe VI, impúxolle a condecoración, unha banda coa bandeira española e unha placa, momento tralo que os dous se deron unha aperta para deseguida separarse e dedicarse o saúdo militar.
Foi baixo a atenta mirada da raíña Letizia e da súa irmá, a infanta Sofía, que os acompañou por primeira vez en Marín.
Unha vez completada a súa etapa na Escola Naval, a princesa de Asturias ascenderá ao emprego de gardamariña de segundo -cuarto curso-, o mesmo que o resto dos compañeiros cos que realizou a súa formación durante o curso académico 2024-2025.
Á súa chegada á explanada do centro, Filipe VI, que vestía o uniforme branco de gala da Armada cos galóns de capitán xeral, foi recibido pola ministra de Defensa Margarita Robles, e tras soar o himno español pasaron revista ás tropas.
Baixo forte sol, con máis de trinta graos na Escola Naval, neste acto solemne un total de 130 novos oficiais da Armada de quinto curso recibiron o seu real despacho, entre eles vinte mulleres e dez alumnos procedentes de Arabia Saudita.
Neste acto de gradación, os números un das diferentes especialidades da Armada, corpo xeral, infantería de mariña, corpo de intendencia e corpo de enxeñeiros, recibiron diversas condecoracións polo seu excelente rendemento académico.
Este protagonismo especial foi para Sara García-Cubillana López, número un da súa promoción, a primeira muller en conseguilo.
Despois do desfile dos novos oficiais baixo a bandeira española, un xesto que marca a súa despedida da Escola Naval, tomou a palabra o comandante director do centro, o capitán de navío Pedro Cardona, para quen tamén foi o seu último ano na escola.
Na súa intervención, Cardona dirixiuse á princesa é díxolle que o mar é unha aprendizaxe e un desafío permanente ante o que non caben escusas, dada a súa intransixencia.
Isto obriga a actuar sempre con lealdade, disciplina, valor, compañeirismo, responsabilidade, exemplaridade e austeridade, valores que, segundo Pedro Cardona, o rei lles pedira fomentar expresamente na princesa de Asturias.
O acto concluíu cunha homenaxe aos caídos, a interpretación do himno da Armada e o desfile do batallón de alumnos, que se desenvolveu baixo os aplausos dos preto de 3.000 asistentes, entre autoridades, familiares dos alumnos e representantes da sociedade civil.
Para Leonor de Borbón, esta xornada supuxo o peche a unha etapa de once meses, o período que durou a súa formación militar na Armada, que comezou o 29 de agosto de 2024.
Durante todo este período, a princesa completou un cuadrimestre na Escola Naval de Marín e estivo embarcada sete meses, repartidos entre a fragata Blas de Lezo e o buque escola Juan Sebastián de Elcano, co que chegou a Marín de volta.
Unha vez finalizada esta etapa na Armada, a princesa continuará a súa formación militar a partir de setembro na Academia Xeral do Aire e do Espazo de San Javier (Murcia).