Os permisos penitenciarios a reclusos reincidentes están a xerar inquedanza
Os expertos din que os controis penitenciarios son suficientes, malia que nalgúns casos deberían ser máis exhaustivos
Os permisos penitenciarios a reclusos reincidentes, como é o caso de Remedios Sánchez, alcumada a Matavellas, que permanece no cárcere de Teixeiro cumprindo unha condena de 144 anos por asasinar tres mulleres en Cataluña no 2006, están a xerar inquedanza.
"Se estivo presa xa, para que a soltaron?". "Que non saian á rúa así por así. Aí están os resultados".
O avogado ferrolán que hai máis de trinta anos conseguiu a primeira sentenza que declaraba o Estado responsable civil subsidiario por un caso semellante explica que, a partir de entón, aumentaron os controis penitenciarios. Con todo, asegura que nalgúns casos non son dabondo.
"Sobre todo cando as vítimas son persoas vulnerables: nenos, mulleres, anciáns. Eu poño o foco na Administración para evitar casos así. Debería haber máis controis como telemáticos, prohibirlles achegarse a certo tipo de persoas", explica o avogado ferrolán Ricardo Pérez Lama.
No caso da anciá de 91 anos que residía no barrio de Monelos, e que a autopsia revelou lesións compatibles cunha morte violenta por asfixia e varias fracturas, di que o Estado tamén podería ser responsable civil.
"Hai que examinar profundamente o procedemento. E unha vez examinado, poderíase establecer unha relación de causa-efecto e así o Estado tería algunha responsabilidade", engade Pérez Lama.
Remedios Sánchez, a presunta autora da morte violenta da anciá da Coruña, segue á espera de que a titular do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña a chame para prestar declaración.