Os pais de Diego Bello viaxarán a Manila para declarar nunha nova vista polo asasinato do seu fillo
Están citados para o venres 16, pero oito días antes deberán formalizar unha declaración xurada
"Que podrezan no cárcere, porque o que fixeron, desde logo, non hai por onde collelo", claman os pais do empresario coruñés
"Estamos con moita forza e moitos nervios", comenta Pilar Lafuente. "É unha tensión, volver lembrar todo. É moi duro", di Alberto Bello.
Os pais de Diego Bello, o empresario coruñés, de 32 anos, abatido a tiros en 2020. Nuns días viaxarán a Manila. O vindeiro 8 de xaneiro, cando fará seis anos do asasinato do seu fillo, na illa de Siargao, deberán formalizar unha declaración xurada. Oito días despois están chamados a declarar nunha nova vista. Pero só responderán ás preguntas da fiscalía e da defensa.
A acusación non intervén neste acto procesal. Un acto complicado para eles, xa que volverán ter diante os tres policías filipinos acusados de asasinar a Diego Bello, amais de manipular e suplantar probas.
"É unha situación de impotencia e rabia. E á vez, tés que ter a cabeza moi fría", explica Pilar.
"Agora vai vir Bruno tamén e imos estar os tres diante deles para que nos vexan e, se queren, que nos dean unha explicación do que fixeron. As envexas pensamos que están detrás disto. Un empresario, non un narcotraficante. Un empresario que daba traballo a trinta familias en Filipinas", asegura Alberto.
Os tres axentes acusados entregáronse á policía en febreiro de 2023, e oito meses despois celebrábase a primeira vista do xuízo. Neste tempo declararon testemuñas importantes que axudaron a verter luz neste caso. Por exemplo, a propietaria da casa na que vivía Diego Bello. Contou que a noite do 8 de xaneiro de 2020 espertou polo son de varios disparos e polos berros de dor dunha persoa.
"E outra persoa moi importante tamén foi o alcalde da zona. Dixo que Diego non constaba en ningún rexistro de narcotraficantes e que a el non se lle comunicara esa operación", argumenta Pilar.
"Que se cumpran as leis deles e que lles caia a cadea perpetua. Que se podrezan no cárcere, porque o que fixeron, desde logo, non hai por onde collelo", conclúe Alberto.