Os Óscar veranse gratis en 'Youtube' a partir do ano 2029
O acordo vaise estender polo menos ata 2033. Os dereitos de retransmisión continuarán en mans de Disney ABC ata a 100ª edición dos Óscar en 2028
Imaxe de arquivo (Omar Marques/Zuma Press-Europa Press)
A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas estadounidense e 'Youtube' alcanzaron un acordo para que a plataforma de vídeo por streaming adquira os dereitos mundiais exclusivos dos Óscar.
Esta nova alianza comezará en 2029, coa 101ª cerimonia dos Óscar, e estenderase polo menos ata 2033. Os dereitos de retransmisión continuarán en mans de Disney ABC ata a 100ª edición dos Óscar en 2028.
Así, a gala máis importante da industria cinematográfica estará dispoñibles en directo e de forma gratuíta para máis de 2.000 millóns de espectadores de todo o mundo en Youtube e para os subscritores de 'Youtube TV' en Estados Unidos.
Segundo informou a Academia nun comunicado, este acordo con 'Youtube' contribuirá a que os Óscar sexan accesibles á crecente audiencia mundial grazas a funcións como os subtítulos e as pistas de audio dispoñibles en varios idiomas.
"Estamos encantados de iniciar unha asociación global e multidisciplinar con Youtube para que sexa o futuro fogar dos Óscar e da nosa programación anual da Academia", declararon o director executivo da Academia, Bill Kramer, e a presidenta da Academia, Lynette Howell Taylor.
"A Academia é unha organización internacional, e esta asociación permitiranos ampliar o acceso ao traballo da Academia á maior audiencia mundial posible, o que será beneficioso para os membros da Academia e a comunidade cinematográfica", sinalan no comunicado.
Tamén aseguran que este pacto "aproveitará o vasto alcance de 'Youtube' e infundirá aos Óscar e a outros programas da Academia oportunidades innovadoras de participación, á vez que honrará o noso legado". "Poderemos celebrar o cinema, inspirar a novas xeracións de cineastas e proporcionar acceso á nosa historia cinematográfica a unha escala global sen precedentes", confían.
A alfombra vermella
O acordo con 'Youtube' inclúe non só a cerimonia de entrega dos premios, senón tamén a cobertura da alfombra vermella, os contidos entre bastidores, o anuncio dos nomeamentos aos Óscar, a entrega dos Óscar honoríficos, o xantar dos nomeados aos Óscar, os Premios Estudantís da Academia, os Premios Científicos e Técnicos, entrevistas a membros da Academia e cineastas, programas de educación cinematográfica, podcasts e moito máis.
Ademais, este pacto a través da iniciativa Google Arts & Culture, axudará a proporcionar acceso dixital a exposicións e programas seleccionados do Museo da Academia e axudará a dixitalizar compoñentes da Colección da Academia, a maior do mundo relacionada co cinema, con máis de 52 millóns de artigos que será accesible desde todo o mundo.