Os Mossos afirman que os vídeos avalan "completamente" a versión da vítima de Alves
A muller e os amigos do futbolista tratan de soster como atenuante a súa embriaguez
A declaración do futbolista está prevista para este mércores

Os Mossos d'Esquadra confirmaron este martes que as imaxes das cámaras de seguridade da discoteca Sutton de Barcelona "corroboran completamente" a denuncia da moza que acusa a Dani Alves de violación, caso polo que a Fiscalía lle pide nove anos de prisión.
Na segunda sesión do xuízo a Alves na Audiencia de Barcelona compareceron este martes unha decena de axentes dos Mossos. Todos testificaron que a vítima estaba en "shock" cando a atenderon, que se derrubaba cando daba detalles da violación e que se resistía a denunciar porque temía que non a cresen ou que se difundise a súa identidade, mentres lles deixou claro que "non quería diñeiro, só xustiza".
Unha das axentes que tomou declaración á vítima certificou que a súa denuncia quedou "corroborada completamente" coas imaxes das cámaras da discoteca, que rexistraron os momentos previos e posteriores a que ambos entrasen no baño dun reservado da discoteca Sutton de Barcelona.
Outra axente da Unidade Central contras as Agresións Sexuais (UCAS) dos Mossos testificou que nun primeiro momento tentaron tranquilizar a vítima antes de a súa declaración policial, pero que cando a moza chegou ao momento de explicar a agresión sexual se derrubou.
Foron os axentes dos Mossos quen lle comentaron o escenario que se abría se denunciaba ou se non o facía, xa que o temor da vítima era que se divulgase o seu nome ou que non a cresen, xa que o acusado era unha "persoa coñecida", polo que se sentía "impotente".
Os axentes que atenderon a vítima na discoteca relataron que a moza estaba en "shock" e que non paraba de chorar, polo que a tiveron que acougar, xa que apenas era capaz de articular palabra.
Aos dous axentes que a atenderon na discoteca Sutton a vítima díxolles que "non quería diñeiro, só xustiza".
Ademais, a un dos primeiros axentes que a atenderon, confesoulle que sentía "culpable" polo que pasara con Dani Alves, aínda que os Mossos lle fixeron entender que a vítima era ela.
Outra das axentes que declarou é a responsable da UCAS, que foi a que se encargou de coordinar a detención de Alves no despacho da súa avogada en Barcelona, onde o futbolista viaxou desde México, país ao que regresara tras os feitos porque entón xogaba cos Pumas da UNAM.
Segundo explicou, chegouse a un acordo coa avogada do deportista para evitar unha detención no espazo público, co fin de protexer a identidade de Dani Alves, posto que eran conscientes da súa relevancia "mediática".
Un relato que corroborou un dos mossos d'Esquadra que practicou a detención do acusado. O axente explicou que ese tipo de arresto discreto foi decisión dos seus "xefes".
A muller e os amigos do futbolista di que chegou á casa "moi bébedo"
Joana Sanz, esposa do futbolista Dani Alves, e tres amigos con quen estivo de festa o 30 de decembro de 2022 avalaron ante o tribunal a súa versión de que estaba bébedo a noite en que unha moza o acusa de violala, unha circunstancia que a súa defensa esgrime como atenuante.
A modelo tinerfeña, que está casada desde 2017 con Dani Alves, declarou como testemuña, a pedimento da defensa do futbolista.
A Fiscalía pide para Dani Alves nove anos de cárcere por agresión sexual e a acusación particular reclama doce anos de prisión.